Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 20.30 h. de hoxe
Controlado, ás 20.10 horas de hoxe, o lume do concello da Mezquita, parroquia de Manzalvos, que entrou desde Portugal e que afecta arredor de 50 hectáreas en Galicia
Segue estabilizado o incendio forestal do concello da Capela, parroquia homónima, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unhas 30 hectáreas
Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2026
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 20.30 horas de hoxe.
A CORUÑA
Estabilizado A Capela-Capela
Segue estabilizado, desde as 14.28 horas de hoxe, o incendio forestal do concello da Capela, parroquia homónima, que se iniciaba onte domingo ás 04.06 horas e que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie dunhas 30 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 2 técnicos, 15 axentes, 23 brigadas, 25 motobombas, 1 pa, 3 helicópteros e 2 avións.
OURENSE
Controlado A Mezquita-Manzalvos
Controlado desde as 20.10 horas de hoxe o lume do concello da Mezquita, parroquia de Manzalvos, que entrou desde Portugal ás 07.18 horas de onte domingo. Segundo as últimas estimacións provisionais, a superficie afectada en Galicia é de arredor de 50 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 1 técnico, 13 axentes, 23 brigadas, 15 motobombas, 4 pas, 7 avións e 7 helicópteros.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.