A Xunta impulsa a formación en financiamento europeo a través dunha nova edición do curso Teceuropa da Fundación Galicia Europa
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou a 24ª edición desta acción formativa que se desenvolverá en Bruxelas desde hoxe ata o xoves
A FGE lanza un novo boletín para dar a coñecer as convocatorias de financiamento comunitario
Bruxelas, 23 de xuño de 2026
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou esta mañá a 24ª edición de TecEuropa, curso de financiamento comunitario de referencia en Galicia. Desde hoxe ata o xoves, a Fundación Galicia Europa (FGE) acollerá en Bruxelas unha vintena de profesionais de entidades públicas e privadas galegas, pertencentes á administración pública, consultoras e universidades, entre outras, que recibirán formación especializada e visitarán as principais institucións comunitarias.
Jesús Gamallo explicou na inauguración do curso que o obxectivo deste programa é ofrecerlles aos participantes unha visión xeral das diferentes fontes de financiamento comunitario para axudalos a comprender os mecanismos de intervención da UE. A sesión inaugural completouse cunha presentación detallada do labor da FGE como oficina de representación dos intereses galegos ante as institucións europeas.
Ao longo destes tres días, as persoas participantes no curso asistirán a diversas sesións formativas impartidas pola Fundación Finnova, especializada no financiamento da innovación en empresas, rexións e municipios europeos. Nestas formacións achegaranse as claves para concorrer a convocatorias de programas como Erasmus+ ou Horizonte Europa, ademáis de consellos xerais para a preparación de candidaturas. Así mesmo, as persoas asistentes visitarán cinco institucións comunitarias: o Consello da UE, o Consello Económico e Social Europeo, o Comité Europeo das Rexións, o Parlamento Europeo e a Comisión Europea.
Novo boletín de financiamento comunitario
Coincidindo co inicio do curso, a Fundación Galicia Europa lanzou hoxe un novo boletín de financiamento comunitario. Esta ferramenta recolle as principais convocatorias e oportunidades de financiamento de interese para a rede de persoal técnico que se foi consolidando desde os inicios deste programa formativo. Dende 2015, o programa ten formado máis de mil participantes.