Ramos destaca a aposta da Xunta por un turismo sustentable que contribúa ao desenvolvemento do territorio

Madrid, 23 de xuño de 2026

A Casa de Galicia en Madrid acolleu esta tarde a presentación do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) Ribeiro–O Carballiño, unha iniciativa destinada a impulsar un modelo turístico sustentable baseado na valorización dos recursos naturais, patrimoniais, culturais e enogastronómicos deste territorio ourensán.

O director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, destacou a importancia de promover un turismo sustentable e ordenado que contribúa á conservación do territorio e á xeración de oportunidades económicas. Neste sentido, subliñou que “a Xunta aposta por poñer en valor os nosos recursos, a nosa riqueza ambiental e paisaxística, e facelo de forma sustentable, ordenada e con sentidiño”, ao tempo que lembrou o peso estratéxico do turismo na economía galega e a proximidade do Xacobeo 2027.

Ramos puxo tamén en valor o potencial do destino Ribeiro–Carballiño, un territorio estreitamente ligado á tradición vitivinícola galega e á excelencia enogastronómica. Así, salientou que o viño “define a paisaxe e evoca experiencias de calidade asociadas a unha marca recoñecida como Galicia Calidade”, converténdose nun dos grandes elementos diferenciadores da comarca.

Na clausura do acto, o director da Casa de Galicia reafirmou o compromiso da Xunta co desenvolvemento equilibrado do territorio e co impulso de iniciativas capaces de dinamizar a actividade económica e fixar poboación no rural. Neste contexto, destacou que proxectos como o PSTD Ribeiro–Carballiño contribúen a fortalecer o tecido económico local e a crear novas oportunidades vinculadas ao turismo sustentable.

Finalmente, Luis E. Ramos animou aos asistentes a descubrir este territorio ourensán, recoñecido pola súa riqueza paisaxística, patrimonial e gastronómica, e convidounos a coñecer “un destino de calidade, amable, tranquilo e acolledor”, integrado nunha das áreas vitivinícolas máis singulares de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/06/2026