Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 20.30 h. de hoxe
Dende as 20.18 horas de hoxe está extinguido o incendio forestal rexistrado na Capela, parroquia homónima, que afectou finalmente unha superficie de 36,72 hectáreas
Deuse por controlado ás 20.40 horas de hoxe o outro lume rexistrado nesta mesma localidade da Capela, parroquia homónima, que afecta arredor de 50 hectáreas do Parque Natural das Fragas do Eume
Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2026
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 20.30 horas de hoxe.
Extinguido A Capela-Capela
Ás 20.18 horas de hoxe deuse por extinguido o incendio forestal rexistrado no concello coruñés da Capela, parroquia homónima, que se iniciou o domingo ás 04.06 horas e que finalmente afectou unha superficie de 36,72 hectáreas, das cales 25,25 corresponden a monte raso e as 11,47 restantes a arborado. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 2 técnicos, 18 axentes, 25 brigadas, 26 motobombas, 1 pa, 3 helicópteros e 4 avións.
Controlado A Capela-A Capela (Parque Natural das Fragas do Eume)
Desde 20.40 horas de hoxe está controlado o outro lume rexistrado neste mesma localidade da Capela, parroquia homónima. O incendio comezou ás 05.27 horas de onte e segundo as últimas estimacións afecta 50 hectáreas dentro do Parque Natural das Fragas do Eume. Para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 3 técnicos, 22 axentes, 36 brigadas, 27 motobombas, 2 pas, 1 unidade técnica de apoio, 5 avións e 5 helicópteros.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Asemade, tamén está dispoñible para a súa descarga ALume, a app para avisar sobre incendios forestais activos en Galicia. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.