A Xunta destaca o proxecto de innovación do Instituto Politécnico de Vigo como exemplo de I+D+I na FP en prol da empregabilidade
A directora xeral de Formación Profesional coñece o espazo de tecnoloxía aplicada do centro D7 e o proxecto de xemelgo dixital de Edificación e Obra Civil do centro
A representante da Xunta participa tamén no Encontro anual do programa Erasmus+ no Conservatorio Superior de Música de Vigo
Vigo, 25 de xuño de 2026
A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, visitou hoxe o Instituto Politécnico de Vigo para coñecer a Aula Tecnolóxica D7 e o proxecto O xemelgo dixital desenvolvido polo departamento de Edificación e Obra Civil do centro. Ambas iniciativas permiten aplicar tecnoloxías avanzadas sobre un caso real grazas á colaboración entre o ámbito educativo e o tecido empresarial e que favorece a inserción laboral do alumnado, achegándoo ás circunstancias reais da contorna laboral.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional destacou que estas iniciativas constitúen “un exemplo do compromiso da Xunta coa innovación na Formación Profesional e coa incorporación das tecnoloxías máis avanzadas aos procesos de ensino e aprendizaxe”. Neste sentido, salientou que “a FP está a anticiparse ás necesidades dos sectores produtivos para formar profesionais altamente cualificados e preparados para afrontar os retos da transformación dixital”.
Os proxectos teñen como finalidade achegar ao alumnado as tecnoloxías e metodoloxías empregadas no sector da construción, favorecendo a adquisición de competencias adaptadas ás necesidades reais das empresas. Desta maneira, permiten ao alumnado traballar con ferramentas e procedementos empregados actualmente nas empresas, favorecendo unha aprendizaxe máis práctica e conectada coa realidade laboral.
Espazo de tecnoloxía aplicada
A Aula Tecnolóxica D7 é o novo espazo de tecnoloxía aplicada do centro, un proxecto seleccionado na convocatoria de 2025 entre os 35 aprobados en toda Galicia. A aula conta coas ferramentas dixitais e os medios que empregan os profesionais do sector da construción e configúrase como unha aula taller na que se facilita a aprendizaxe, a investigación e a mellora da creatividade e as técnicas de traballo.
Entre outras tarefas, o alumnado poder aprender a medir usando equipos de topografía actuais, implantar con estación robótica e mecánica, realizar levantamentos en tres dimensións con tablets equipadas con escáner, facer maquetas con impresoras en 3D ou operar con cortadora láser.
Xemelgo dixital
O proxecto presentado no Instituto Politécnico de Vigo nace da necesidade de incorporar á docencia as tecnoloxías dixitais que están a transformar o sector da construción. Para iso, o departamento de Edificación e Obra Civil aproveitou o equipamento e o software especializado dos que dispón o centro para crear un xemelgo dixital, é dicir, unha réplica virtual tridimensional dun edificio real xerada a partir de datos obtidos directamente sobre o inmoble.
A clave da iniciativa reside na súa dimensión colaborativa. Grazas á participación de empresas especializadas, o profesorado tivo acceso a equipamento e software de nivel profesional, ademais de recibir formación específica impartida por expertos do sector. Neste traballo conxunto participaron as empresas Topcon, Íscar Software, Nort3D e Porriño Producciones, reforzando así a conexión entre a formación e a realidade empresarial.
Ademais, o proxecto ten intención de continuidade. O vindeiro curso está prevista a súa implantación nos ciclos de Proxectos de Edificación, Proxectos de Obra Civil e Organización e Control de Obras de Construción. Así mesmo, o centro prevé presentar unha proposta á convocatoria FP Innova e desenvolver novas liñas de traballo en colaboración co Centro Integrado de FP Cantería de Galicia, a Universidade Laboral de Ourense, o Centro Integrado de FP Valentín Paz Andrade e o Centro Integrado de FP A Farixa.
Encontro Erasmus+
A directora xeral de FP participa tamén hoxe no Encontro anual do programa Erasmus+, celebrado no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Na súa intervención, a representante da Xunta salienta a importancia da internacionalización nas ensinanzas de réxime especial, “eido no que Galicia destaca especialmente, con multitude de centros que están a participar en proxectos Erasmus+, tanto conservatorios como escolas de idiomas, artes plásticas e deseño ou arte dramática”, dixo.
Neste sentido, pon en valor a “ampla experiencia do Conservatorio Superior de Música de Vigo neste programa de mobilidade internacional, cunha destacable implicación de alumnado e profesorado”. De feito, o centro foi distinguido como exemplo de boas prácticas e en 2019 obtivo un recoñecemento á calidade do Servizo Español para a Internacionalización da Educación.