O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes e a conselleira do Medio Rural participaron na reunión do Comité Integrado de Prevención de Incendios
A Xunta fortalece a súa coordinación con outras administracións para traballar de xeito conxunto na loita contra o lume
Na xuntanza de hoxe abordouse o dispositivo integrado por máis de 7.000 efectivos para facerlle fronte á tempada de alto risco de incendios, entre os que están máis de 3.300 que dependen directamente de Medio Rural
Diego Calvo incidiu tamén na necesidade da implicación e da colaboración da sociedade, contactando coas forzas e corpos de seguridade
Entre os medios propios mobilizados que dependen da Consellería de Presidencia figuran 200 efectivos da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia e 116 vehículos
María José Gómez fixo referencia ás importantes melloras implementadas este ano e que consolidan a aposta da Xunta pola prevención de incendios, como é o incremento dun 50 % no orzamento destinado a prevención, ata os 75,38 millóns de euros, entre os que destaca o convenio para a xestión da biomasa nas faixas secundarias
No eido das melloras tecnolóxicas, lembrou o lanzamento da aplicación móbil ALume e a integración da IA no sistema interno de xestión, o Xeocode, para identificar os incendios de xeito automático a través do fume
En relación cos medios humanos e materiais incorporaranse 42 novas brigadas, que supoñen 168 efectivos máis para a tempada de alto risco; reforzarase a UDEX e súmanse medios aéreos e materiais
Gómez incidiu na solicitude trasladada ao Goberno central para contar en Galicia cunha base permanente da Unidade Militar de Emerxencias en Toén, así como cunha nova Brigada de Reforzo en Incendios Forestais (BRIF) ademais da de Laza
Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participaron esta mañá na constitución do Comité Integrado de Prevención de Incendios Forestais de Galicia (CIPIG) para este ano. O Comité estará operativo desde o 1 de xullo ao 30 de setembro, coincidindo coa tempada de alto risco, e ten como obxectivo coordinar as actuacións da Xunta e do Goberno central en materia de prevención e loita contra os incendios forestais.
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes destacou a importancia da coordinación entre as administracións nesta materia, na que se enmarca a reunión de hoxe. Nela abordouse o dispositivo integrado por máis de 7.000 efectivos para facerlle fronte á tempada de alto risco de incendios, entre os que están máis de 3.300 que dependen directamente de Medio Rural. Diego Calvo incidiu tamén na necesidade da implicación e da colaboración da sociedade, contactando coas forzas e corpos de seguridade.
Entre os medios propios mobilizados que dependen da Consellería de Presidencia figuran 200 efectivos da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia e 116 vehículos. Ademais, a UPA volverá contar cun equipo multidisciplinar en investigación de lumes (EMIL) con competencias en toda a comunidade, do que formarán parte un especialista en investigación e con formación específica en investigación de incendios, outro experto na área de medio ambiente natural e un terceiro en pericias informáticas.
Pola súa banda, a Axencia Galega de Emerxencias (Axega) tamén colaborará nas intervencións a través do Grupo de Apoio Loxístico (GALI) facilitando medios técnicos como tres Postos de Mando Avanzado, seis drons, unha nova bomba de gran caudal, cunha capacidade de ata 50.000 litros nun minuto, e tres cisternas nodrizas de 25.000 litros cada unha, ademais do reforzo de persoal no número de operadores e técnicos de garda dispoñibles.
Como cada ano, estes medios complétanse con outros de competencia municipal e supramunicipal aos que a Xunta apoia tanto nos gastos de funcionamento como na dotación de equipamento. Só en material para os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) como ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC), o Goberno galego leva investidos case 28 millóns de euros.
Deste xeito, no dispositivo previsto para loitar contra os incendios forestais integraranse 432 bombeiros e 75 vehículos de parques municipais, outros 457 efectivos e 118 vehículos dos parques dos consorcios provinciais e comarcais, nos que participa a Xunta, ademais de 402 profesionais de 33 Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) e as máis de 4.400 persoas voluntarias das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC).
Melloras en medios humanos e materiais
Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural fixo referencia ás importantes melloras implementadas este ano e que consolidan a aposta da Xunta pola prevención de incendios. Seguindo esta liña, sinalou que o Pladiga de 2026 conta co maior orzamento da súa historia con 213 millóns de euros, dos cales 75,38 millóns, un 50 % máis con respecto ao ano pasado, están dedicados integramente a prevención.
María José Gómez reafirmou o compromiso decidido do Goberno autonómico pola prevención nas faixas secundarias, aquelas que rodean os núcleos de poboación, e sinalou que o convenio asinado con Seaga para a xestión de biomasa nestas zonas, e a través do cal se lle presta apoio a particulares e administración locais no cumprimento das súas obrigas, conta cun orzamento anual de 25 millóns de euros, o dobre que anterior.
No eido das melloras tecnolóxicas, lembrou o lanzamento da aplicación móbil ALume, xa dispoñible para descarga, que permite que a poboación poida alertar dun lume forestal, favorecendo así a detección temperá. A maiores, vén de integrarse a Intelixencia Artificial ao sistema interno de xestión, o Xeocode, para identificar os incendios de xeito automático a través do fume. A Consellería do Medio Rural está tamén a ampliar a rede de cámaras de videovixilancia nun 30 % e conta con tres novos drons de vixilancia de última xeración para actuar en zonas de difícil acceso.
En relación cos medios humanos e materiais incorporaranse 42 novas brigadas de catro compoñentes cada unha, que supoñen 168 efectivos máis para a tempada de alto risco. Neste sentido, cómpre ter en conta o reforzo da Unidade de Directores de Extinción, especializada en grandes incendios forestais, que pasa de 6 a 15 compoñentes. Este ano súmanse tamén máis medios aéreos, coa contratación de dous novos avións de carga en terra, un avión de coordinación e un helicóptero pesado, polo que os medios dependentes da Xunta alcanzan os 24. Ademais, aos 18 lotes de maquinaria pesada existentes sumaranse 16 novos bulldózers para labores preventivas e de extinción, de ser o caso.
Peticións pendentes ao Goberno central
De xeito complementario a estas novidades, está previsto un orzamento de máis de 9 millóns de euros para acometer intervencións de mellora e ampliación das infraestruturas de loita contra o lume, con novas bases aéreas como a de Lalín e a mellora dos espazos para o persoal.
Xa para finalizar, a conselleira asegurou que a Xunta de Galicia está a facer un “esforzo importante ao que pedimos que se sume tamén o Goberno central” para estar máis e mellor preparados fronte ao lume. Así, Gómez incidiu na necesidade de contar cunha base permanente da Unidade Militar de Emerxencias en Toén, así como dunha nova Brigada de Reforzo en Incendios Forestais (BRIF) ademais da de Laza. Trasladou a súa vontade de que “ambas peticións poidan ser unha realidade proximamente, pois sería unha moi boa noticia en aras de reforzar a colaboración institucional que mantemos”.
A maiores, fixo un chamamento solicitando a colaboración da cidadanía na prevención dos lumes, para manter os núcleos libres de biomasa ao redor das casas; na detección, porque a rapidez nos avisos facilita unha resposta máis áxil; e na colaboración no caso de ter sospeitas de posibles incendiarios e denunciar calquera conduta delituosa, xa que arredor do 70 % dos lumes son intencionados.