O conselleiro de Sanidade, xunto co xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, pechou o acto de presentación da memoria anual de actividades do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS)
Gómez Caamaño destaca os máis de 50 M€ captados polo IDIS en 2025 e sitúa os seus case 1.500 profesionais como garantía de futuro da investigación sanitaria galega
O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela consolídase como un dos grandes motores de coñecemento e de innovación sanitaria en Galicia
O IDIS desenvolveu no pasado ano un total de 115 proxectos, 11 deles de carácter internacional
O Goberno galego segue a apostar por unha investigación de máxima calidade coa creación da primeira categoría profesional estatutaria específica para o persoal investigador sanitario
Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, salientou hoxe os máis de 50 millóns de euros captados polo Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) en 2025 e situou os seus case 1.500 profesionais como garantía de futuro da investigación sanitaria galega.
O titular de Sanidade participou no acto de presentación da memoria anual de actividades do IDIS, acompañado polo xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, onde subliñou os excelentes resultados da entidade.
En concreto, o IDIS realizou no ano 2025 un total de 115 proxectos de investigación sanitaria, 11 deles de carácter internacional. Así mesmo, desenvolveu preto de 400 estudos clínicos, máis de 1.000 artigos científicos e 95 teses doutorais.
Os datos recollidos na memoria do anual do IDIS 2025 tamén amosan a solicitude de 77 patentes, 31 delas concedidas.
O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela conta con 1.486 profesionais, repartidos en 113 grupos de investigación e 7 áreas.
Cómpre salientar que, en 2024, o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago acadou os seus mellores resultados históricos en financiamento e produción científica, mantendo a acreditación estatal, superando con éxito a súa terceira reacreditación polo Instituto de Saúde Carlos III e reforzando a súa posición como un dos grandes institutos de investigación biomédica de España.
Actualmente, a institución, que se integrou hai dous anos no Servizo Galego de Saúde, segue medrando grazas á estreita colaboración con institucións de referencia como a Universidade de Santiago de Compostela ou o Complexo Hospitalario Universitario compostelán.
Deste xeito, Gómez Caamaño salientou a consolidación do IDIS como un dos grandes motores do coñecemento e da innovación sanitaria en Galicia, cun prestixio que segue a medrar a nivel nacional e internacional.
O Goberno galego segue a apostar por unha investigación de máxima calidade. Neste senso, o Servizo Galego de Saúde destaca como pioneiro na creación da primeira categoría profesional estatutaria específica para o persoal investigador sanitario. Ademais, impulsa procesos de estabilización e avanzando na formalización de convenios colectivos que reforzan a estabilidade e o recoñecemento dos profesionais.