O presidente da Xunta participou na toma de posesión da nova reitora da Universidade de Vigo, Carmen García Mateo
Rueda brinda a colaboración da Xunta para manter un sistema universitario público, competitivo e innovador
Destaca que será a primeira vez que o sistema universitario galego conte con dúas reitoras mulleres
Apela ao diálogo para afrontar futuros retos como o novo plan de financiamento ou a mellora do mapa de titulacións
Vigo, 25 de xuño de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, brindou hoxe a “colaboración leal” do Goberno galego para seguir mantendo un sistema universitario público de calidade, competitivo e innovador, xa que considerou que as universidades constitúen unha peza fundamental “do progreso de Galicia, son un motor de innovación, un motor de coñecemento, que nos fan mellores e que nos sitúan, en moitísimos aspectos, na vangarda do mundo”, asegurou.
Así o asegurou esta mañá durante a toma de posesión da nova reitora da Universidade de Vigo, Carmen García Mateo, a quen desexou “a maior das sortes” na súa nova etapa. O titular do Executivo autonómico chamou a atención sobre que será a primeira reitora desta Universidade e, xunto coa Rosa Crujeiras na USC, será a primeira vez que Galicia conte con dúas mulleres neste cargo.
Durante o acto, Alfonso Rueda sinalou algunhas das iniciativas que está tomando a Xunta no apoio ás universidades, como a gratuidade da matrícula, que garante a igualdade de oportunidades; o plan de financiamento, dotado con máis de 3.260 M€ entre 2022 e 2026; o apoio á investigación; ou o plan de infraestruturas. “Apoiando tamén a investigación no ámbito do I+G+i, co convencemento de que é desde as universidades públicas galegas de onde parte unha parte moi importante da magnífica investigación e do talento que temos en Galicia”, indicou.
Tamén lembrou que hai retos pendentes, como a negociación do futuro plan de financiamento ou a mellora do mapa de titulacións, pero apelou ao diálogo para ser quen de chegar a acordos sobre estas materias. “Tocará discutir, pero estou seguro de que chegaremos a acordos”, afirmou.
Por último, agradeceu o traballo e compromiso amosado polo equipo reitoral saínte.