A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, selou hoxe este acordo coa alcaldesa da Bola, María Teresa Barge Bello

A Xunta asina co Concello da Bola o convenio para humanizar o entorno de Santa Saia de Berredo

A actuación, que suporá un investimento total de algo máis de 260.000 euros, permitirá intervir nos lugares de Anxá e A Eirexa

Esta actuación forma parte do Plan Hurbe impulsado pola Xunta, co que se contribúe a promover o desenvolvemento dos núcleos rurais da comunidade

A Xunta, a través do departamento que dirixe M. Allegue, asume o 70% do orzamento, máis de  182.000 euros, contratará e executará as obras

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2026

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e alcaldesa da Bola, María Teresa Barge Bello, rubricaron esta tarde en San Caetano o convenio para executar as obras de humanización do entorno de Santa Baia de Berredo, que suporá un investimento total de 260.513,94€. No acto de sinatura deste acordo tamén estivo a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas.

A través deste convenio, ao abeiro do chamado Plan Hurbe impulsado polo departamento que dirixe M. Allegue co fin de axudar ás administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas, proxectase intervir nos lugares de Anxá e A Eirexa.

Proponse intervir en dous camiños desta parroquia de Berredo que comunican desde a estrada autonómica ata a capela situada no lugar de Anxá e a igrexa parroquial no lugar da Eirexa.

Os tramos do viario sobre os que se prevé actuar comparten, nestes momentos, o uso peonil co tráfico rodado. A través da actuación, trátase de dotalos dun novo pavimento, na actualidade deteriorado.

A Xunta, a través desta cooperación do departamento que dirixe  M.Allegue achegará o 70% do orzamento desta intervención, con máis de 182.000 euros, contratará e executará as obras.

O Concello da Bola asumirá o 30% restante do custe das obras, algo máis de 78.000 euros) e corresponderalle o mantemento e conservación.

Estas actuacións enmárcanse na continuada colaboración entre a Xunta e as entidades locais para a execución de obras e outras actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.

Ademais, a través de distintas medidas e de liñas de colaboración como o Plan Hurbe, o Goberno galego contribúe a promover o desenvolvemento dos núcleos rurais da comunidade como motores de dinamización, ao converterse en puntos de localización dun importante número de servizos públicos e privados que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/06/2026