O titular de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado da directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López, doou sangue na unidade móbil situada na Praza de Armas

O conselleiro de Sanidade anuncia a renovación da unidade móbil de doazón de sangue en Ferrolterra e convida a sumarse á campaña de verán Un Alento de Vida

O titular de Sanidade explica que a plataforma de contratos da Xunta publica, por importe de 525.000 euros, a licitación desta nova unidade móbil, que será máis moderna, confortable e mellor preparada para acoller a solidariedade da cidadanía

Sinala que con esta nova unidade a Xunta dá continuidade ao programa iniciado no ano 2018 para a mellora do parque móbil de ADOS, que permitiu xa adquirir outros seis novos vehículos cun investimento de máis de 2 millóns de euros

Incide en que Ferrol é unha das primeiras paradas da campaña de doazón de sangue do verán e un bo exemplo de compromiso coa doazón

Refire que o pasado ano se realizaron 3.338 doazóns, sendo Ferrol a terceira das sete grandes cidades galegas en taxa de participación

Ferrol, 26 de xuño de 2026.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, anunciou hoxe a renovación da unidade móbil de doazón de sangue en Ferrolterra e convidou á veciñanza a sumarse á campaña de verán Un alento de vida, promovida pola Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS).

O titular de Sanidade, quen estivo acompañado no acto pola directora de ADOS, Marisa López, detallou que a plataforma de contratos da Xunta publica, por importe de 525.000 euros, a licitación desta nova unidade móbil, que será máis moderna, máis confortable e mellor preparada para acoller a solidariedade da cidadanía.

Gómez Caamaño referiu que as empresas interesadas nesta licitación teñen de prazo ata o 7 de agosto para presentar as súas ofertas, que seguidamente comezarán a valorarse coa fin de que, nos vindeiros meses, a nova unidade móbil poida poñerse en servizo.

Con esta nova unidade, a Xunta dá continuidade ao programa iniciado no ano 2018 para a mellora do parque móbil de ADOS, que permitiu adquirir xa outras seis novas unidades, cun investimento de máis de 2 millóns de euros.

Galicia solidaria

O conselleiro remarcou que a doazón de sangue é un piar fundamental para o funcionamento do sistema sanitario de calidade como o galego. Ao respecto, dixo que a comunidade galega pode sentirse orgullosa de manterse como unha das máis solidarias posto que, no pasado ano, foi a terceira en taxa de doazón de toda España, cun índice de 39 doazóns por cada 1.000 habitantes. Isto sitúa Galicia cinco puntos por riba da media de España. Ademais, no caso de Ferrol, a diferenza é moi superior, porque a taxa nesta cidade foi de 51 doazóns por cada 1.000 habitantes.

Gómez Caamaño trasladou unha mensaxe de agradecemento ás persoas que fixeron posible superar as 105.000 doazóns e contribuíron a salvar moitas vidas co seu xesto. Tamén destacou o labor dos 105 profesionais que compoñen o equipo de hemodoazón de Galicia.

Tamén dixo que cada día se precisan ao redor de 400 doazóns para atender aos pacientes de toda Galicia.

Ferrol, compromiso coa doazón

Da campaña deste verán, o conselleiro dixo que as unidades móbiles percorrerán preto de 170 concellos galegos, realizando ao redor de 800 desprazamentos para acadar o obxectivo de 22.000 doazóns que ADOS quere acadar neste período estival.

Ferrol é unha das primeiras paradas da campaña de verán de ADOS, xa que esta cidade é un bo exemplo de compromiso coa doazón posto que, o pasado ano, realizáronse 3.338 doazóns, o que a sitúa Ferrol como a terceira das sete grandes cidades galegas en taxa de participación.

O conselleiro agradeceu esa resposta solidaria da veciñanza de Ferrol, así como a implicación de empresas como Navantia, dos centros educativos, da comunidade universitaria, que converte o campus de Ferrol no de maior taxa de doazón de Galicia, e tamén do Racing, que sempre contribúe a esa cultura solidaria.

Doazón por concellos da comarca

Nos concellos da comarca, o pasado ano rexistráronse un total de 5.371 doazóns de sangue: 3.338 no de Ferrol, 840 en Narón, 397 en Fene, 277 en Cedeira, 148 en Ares, 145 en Valdoviño, 95 en Neda, 49 en Mugardos, 41 en San Sadurniño, 23 en As Somozas e 18 en Moeche.

Xunto achégase cadro coa doazón e taxas por concellos no 2025:

 

CONCELLO

DOAZÓNS

TAXA*

Ferrol

3.338

51/1.000

Fene

397

32/1.000

Cedeira

277

42/1.000

Somozas, As

23

22/1.000

Ares

148

24/1000

Moeche

18

15/1.000

Narón

840

21/1.000

Neda

95

19/1.000

San Sadurniño

41

15/1.000

Mugardos

49

9/1.000

Valdoviño

145

21/1.000

*Taxa: nº de doazóns por cada 1.000 habitantes e ano.

 

Requisitos da doazón

Desde a Axencia convídase a toda a cidadanía a tomar parte na campaña de doazón nos meses de verán, lembrando que pode doar sangue calquera persoa maior de 18 anos, que pese máis de 50 quilos e non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue.

Para máis información, ADOS dispón do portal web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/06/2026