O xerente do Sergas inicia no Hospital Público de Monforte de Lemos as visitas aos comarcais para coñecer a súa situación e planificar as necesidades asistenciais

Luis León mantivo unha reunión de traballo coa dirección do centro, na que tamén estivo presente o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares

O responsable do Sergas recorreu distintos servizos centrais do hospital, con especial atención ao recentemente remodelado Servizo de Farmacia

Monforte de Lemos (Lugo), 26 de xuño de 2026

O xerente do Servizo Galego de Saúde, Luis León, visitou este xoves o Hospital Público Comarcal de Monforte de Lemos, no marco da rolda de contactos que a Consellería de Sanidade está a desenvolver para analizar sobre o terreo a situación dos centros sanitarios galegos e planificar as súas necesidades asistenciais a corto e medio prazo.

Durante a visita, o xerente do Sergas mantivo unha reunión de traballo coa dirección do centro, encabezada pola súa directora, Inmaculata Ramos, así como co xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, e outros membros do equipo directivo. Neste encontro abordáronse de xeito detallado as principais necesidades do hospital, tanto no ámbito organizativo como no estrutural e tecnolóxico.

Tras a reunión, o xerente recorreu distintos servizos centrais do hospital, con especial atención ao recentemente remodelado Servizo de Farmacia, onde puido comprobar as melloras introducidas na xestión e dispensa de medicamentos, así como as novas capacidades organizativas da área.

Así mesmo, visitou a zona de exploracións endoscópicas, un dos servizos clave na actividade diagnóstica do centro, onde se están a consolidar melloras orientadas a incrementar a capacidade asistencial e reducir tempos de espera.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/06/2026