O conselleiro de Educación participou na xornada de benvida ao alumnado beneficiario
Máis de 1.000 alumnos e docentes viaxan este verán ao estranxeiro grazas ao programa Galemundo da Xunta
Román Rodríguez anima aos 643 mozos e mozas de Bacharelato, que mellorarán o seu nivel en idiomas, a sacar o máximo rendemento desta experiencia
As estadías co apoio do Goberno galego, cunha duración de tres semanas, teñen como destino os países de Canadá, Reino Unido, Francia e Alemaña
Tamén se benefician das iniciativas estivais 184 universitarios e 308 profesores, que se suman aos case 5.200 que participan en mobilidades durante o curso
Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou esta mañá na xornada de benvida aos 643 alumnos e alumnas de Bacharelato que este verán viaxarán ao estranxeiro para realizar estadías de tres semanas co apoio da Xunta co fin de perfeccionar as súas competencias en distintas linguas a través das bolsas do programa Galemundo.
A estes mozos de Bacharelato beneficiarios destas estadías de verán, súmanse outros 184 alumnos universitarios que tamén gozan de bolsas para cursos de idiomas en calquera país do mundo ao longo destes meses e outros 308 profesores.
O titular do departamento de Educación da Xunta, que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, animou aos estudantes a aproveitar ao máximo esta experiencia para medrar no eido persoal e actuar como embaixadores da Galicia Calidade nos seus respectivos destinos en Canadá, Reino Unido, Alemaña ou Francia durante os meses de xullo e agosto.
O Goberno galego destina 2,4 M€ para cubrir entre o 69% e o 92% do custo das estadías dos estudantes en Reino Unido (345 persoas), Canadá (228), Francia (60) e Alemaña (dez). Con cargo a esta partida, a Xunta sufraga parte dos gastos de contratación dos monitores que acompañan a cada grupo, mantemento e aloxamento, traslados para actividades, docencia e material escolar, actividades culturais, deportivas e complementarias, seguros de accidentes e certificado de realización do curso.
Comunidade líder en inglés
Román Rodríguez lembrou que estas viaxes forman parte do amplo abano de iniciativas que o Goberno galego ten en marcha a través do programa Galemundo, dotado con 18 M€ para a mellora da aprendizaxe de idiomas entre a comunidade escolar e do que se benefician máis de 8.300 persoas entre estudantes e docentes este curso.
O conselleiro de Educación subliñou que esta iniciativa forma parte dunha estratexia global de plurilingüismo que está a dar excelentes resultados, situando a Galicia como a comunidade con maior nivel de inglés segundo o informe Education First (EF).
Así, por exemplo, no marco do programa comunitario Erasmus+, case 5.200 estudantes e profesores realizan mobilidades no estranxeiro durante o curso. A isto engádense os estudantes e profesores de Formación Profesional, con bolsas para realizar estadías no estranxeiro co obxectivo de fortalecer o seu coñecemento de idiomas, mellorar as súas competencias técnicas e adquirir unha visión máis global desde a perspectiva empresarial.