A Xunta destaca a calidade diferenciada dos viños galegos como motor de desenvolvemento do territorio e do rural
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou hoxe na clausura e entrega de títulos do curso de verán da USC O mundo dos viños galegos. XIV Foro do Albariño: simbiose coa contorna e enoturismo fronte o novo escenario global
Na súa intervención, Alemparte sinalou que Galicia debe seguir reforzando a súa competitividade a partir da diferenciación, apostando por aquelas producións que achegan máis valor engadido e que representan a identidade do territorio
Pontevedra, 26 de xuño de 2026
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, participou hoxe na clausura e entrega de títulos aos participantes do curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela O mundo dos viños galegos. XIV Foro do Albariño: simbiose coa contorna e enoturismo fronte o novo escenario global, que tivo lugar nas instalacións de Adegas Terras de Asorei. Alí, destacou a calidade diferenciada dos viños galegos como motor de desenvolvemento do territorio e do rural.
Na súa intervención, Alemparte sinalou que Galicia debe seguir reforzando a súa competitividade a partir da diferenciación, apostando por aquelas producións que achegan máis valor engadido e que representan a identidade do territorio. Neste sentido, salientou que as producións amparadas por selos de calidade diferenciada son as únicas que poden garantir a autenticidade, a orixe, a trazabilidade e un vínculo real co territorio, ao tempo que contribúen a preservar as variedades autóctonas, os sistemas tradicionais de produción e o coñecemento acumulado durante xeracións.
O director da Axencia puxo tamén en valor o peso do sector vitivinícola galego, tanto pola excelencia dos seus viños como pola súa capacidade para xerar emprego, dinamizar a economía local e contribuír ao desenvolvemento das zonas rurais. Neste contexto, destacou o papel da Denominación de Orixe Rías Baixas, unha das cinco DO vitivinícolas de Galicia, como exemplo da capacidade do sector para transformar a identidade e a singularidade do territorio nun factor de competitividade e prestixio.
Así mesmo, incidiu en que hoxe unha adega é moito máis que un espazo de elaboración de viño, converténdose nun elemento dinamizador do territorio, xerador de actividade económica e impulsor do enoturismo, contribuíndo á conservación da paisaxe, do patrimonio e da cultura vitivinícola galega.
Ao longo de dúas xornadas, este foro reuniu representantes do ámbito universitario, investigador, profesional e empresarial para analizar os principais retos e oportunidades do sector vitivinícola galego, abordando cuestións como a innovación, a sustentabilidade, a internacionalización, a relación entre viño e territorio e o enoturismo como factor de competitividade e desenvolvemento rural.