Sete cociñeiros disputarán mañá martes o título de Mellor Cociñeiro de Tapas 2026 ‘Sete cidades, Sete sabores’
Organizado por Turismo de Galicia nunha gala que terá lugar na Cidade da Cultura de Galicia
Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2026
‘Sete Cidades, Sete Sabores’ poñerá a competir mañá martes a sete cociñeiros das sete cidades galegas nunha aposta de Turismo de Galicia pola promoción do turismo urbano aderezada pola súa oferta gastronómica e da que sairá elixido o Mellor Cociñeiro de Tapas 2026. A gala comezará ás 20:00h na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.
Organizada por Turismo de Galicia o evento é o peche dunha iniciativa de Turismo de Galicia para atraer un perfil de visitante que realiza escapadas ao longo de todo o ano na procura de experiencias gastronómicas auténticas, centradas na cociña de proximidade e na cultura asociada á alimentación. Sete cociñeiros, un por cada cidade participante, dan forma a unha proposta colectiva que amosa a diversidade do tapeo galego desde distintas realidades urbanas.
Os chefs representantes de cada cidade serán Adrián Pérez de Sinxelo (Ferrol); Carlos Montes de La Sifonería Gastrobar (A Coruña); Rodrigo Seoane de ArteSana Gastrobar (Santiago de Compostela); Rubén González de El Cafetín de La Alameda (Pontevedra); Rebeca Guede de La Orensana (Vigo); Beatriz Alcalá de La zapatería del abuelo (Ourense) e Jose Luis Pardo de El Boni (Lugo). Cada chef disporá dun máximo de 4 minutos para rematar a súa tapa no escenario. E a orde será: Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo, Ourense e Lugo.
Os sete cociñeiros competirán por dous galardóns. Por unha banda, o premio do xurado profesional, que estivo integrado José Paz Gestoso, director do CSHG; Ana Méndez Gil, directora de Galicia Calidade; Alejandro Ferreiro do restaurante O Sendeiro (Santiago de Compostela) e gañador do premio do xurado técnico o ano pasado; Álex Martínez, do restaurante Bacelo (Ferrol) e gañadores do premio do xurado popular o ano pasado; Alberto Traversa de La Alacena Roja e Mª José Basanta, @laurelycanela. Todos eles valorarán cada tapa segundo a presentación, textura, sazón e sabor, concepto e orixinalidade. Por outra parte, o premio do xurado popular, integrado polos invitados á gala, que utilizarán un sistema de televotación.