Rehabilitación do barrio histórico e posta a disposición de vivenda

O Consorcio Casco Vello de Vigo xa planifica a reforma de seis edificios máis cunha vintena de vivendas de protección autonómica

A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do organismo autónomo, Ana Ortiz, asistiu ao consello de administración

Vigo, 29 de xuño de 2026

A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello (CCVV), Ana Ortiz, asistiu este luns ao consello de administración do organismo autónomo no que se aprobaron as contas anuais de 2026. A representante autonómica sinalou que o CCVV xa planifica a reforma de outros seis edificios máis cunha vintena de novas vivendas de protección autonómica.

Ana Ortiz explicou que o Consorcio Casco Vello xa traballa con catro novos proxectos para rehabilitar inmobles en mal estado na parte baixa do casco histórico da cidade. Así, apuntou que na Ribeira do Berbés levaranse a cabo reformas nos edificios dos números 7, 9, 25 e 27 para construír doce novas vivendas. Ademais, na rúa Real 20 xa están en marcha os trámites para outras seis vivendas e en Peñasco 5 para dúas máis.

“O traballo feito durante os últimos 20 anos para a recuperación do barrio histórico vai a ter continuidade, porque o noso compromiso é firme e imos seguir nesta liña para que o Casco Vello teña unha rehabilitación integral no menor tempo posible e tamén aporte novas vivendas para novos veciños”, sinalou a presidenta do organismo.

Plan de Actuación 2026/2030

Ortiz lembrou que en outono de 2025 o CCVV aprobou tanto o seu Plan de Actuación 2026-20230 como o convenio entre administracións e o Plan de Actuacións, Investimentos e Financiamento (PAIF) 2026. 

O Plan de Actuación aprobado por unanimidade marca as pautas de rehabilitación que levará a cabo o organismo durante o vindeiro lustro. Así, un total de 25 inmobles son cualificados como obxectivo de actuación prioritaria e outros 20 edificios máis integran unha listaxe de actuación secundaria para dotar ao plan de flexibilidade.

Ademais, o plan contará cun investimento dun total de 15,1 millóns de euros, que será financiado mediante ingresos por venda de inmobles, transferencias de capital dos entes consorciados e ingresos correntes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/06/2026