A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co secretario xeral da Consellería, Yago Borrajo, asinou hoxe en San Caetano este convenio co alcalde, Francisco Calo Abelleira
O Fondo de Cooperación da Xunta facilita ao Concello de Outes a adquisición de terreos para a posterior rexeneración urbana na avenida de San Campio
O departamento que dirixe M. Allegue financiará esta compra a través deste liña de colaboración dirixida a municipios de menos de 50.000 habitantes cun préstamo, sen xuros, de 100.000 euros
Con esta adquisición o Concello proponse crear unha nova praza pública de lecer nesta avenida do centro urbano do municipio, no entorno da Casa de Cultura e da Horta do Muíño
A finalidade é mellorar a integración urbana, potenciar o patrimonio existente e ampliar os espazos públicos do municipio, sendo un dos elementos centrais a conservación e posta en valor do hórreo existente, que formará parte da praza como elemento singular
Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2026
A Xunta colaborará co Concello de Outes na adquisición de terreos para posterior rexeneración urbana na avenida de San Campio, a través da concesión dun préstamo de 100.000 euros, sen xuros, do Fondo de Cooperación da Xunta para municipios de menos de 50.000 habitantes. A administración local proponse crear unha nova praza pública de lecer nesta avenida, no entorno da Casa de Cultura e da Horta do Muíño, no centro urbano do municipio.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, asinou hoxe co alcalde, Francisco Calo Abelleira, para o financiamento e o acondicionamento deste ámbito próximo ao río Entíns e ben comunicado coa trama urbana existente.
O convenio selado hoxe en San Caetano no marco deste fondo, ten así como finalidade última facilitar a compra dos terreos necesarios para, posteriormente, realizar as obras necesarias para dotar ao municipio coruñés dunha nova praza pública no entorno da Casa da Cultura e da Horta do Muíño de Outes, transformando dous terreos actualmente sen uso nun espazo de encontro, lecer e convivencia para a veciñanza.
A actuación busca mellorar a integración urbana, potenciar o patrimonio existente e ampliar os espazos públicos do municipio, sendo un dos elementos centrais do proxecto a conservación e posta en valor do hórreo existente, que pasará a formar parte da nova praza como elemento singular.
Trátase de adquirir este terreos para promover un novo espazo público de convivencia, mellorar a conexión entre a Casa da Cultura e a Horta do Muíño, favorecer a celebración de actividades culturais, sociais e festivas, incrementar a calidade urbana do núcleo, recuperar e destacar un elemento tradicional como é o hórreo, e mellorar a integración paisaxística do ámbito.
A adquisición dos terreos desenvolverase mediante a iniciativa da Xunta que está destinada a financiar actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes, dotado con algo más de 3M€. Trátase de préstamos sen xuros que os concellos poden devolver no prazo máximo de 8 anos.