A Xunta dá luz verde ambiental con condicións ao Plan especial de protección do ensanche histórico de Vigo

O informe ambiental estratéxico da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé efectos ambientais significativos na zona de actuación, pero inclúe unha serie de condicións a cumprir con relación a determinadas cuestións

O obxectivo principal é fixar a ordenación detallada do ámbito, cumprindo coas determinacións recollidas no propio Plan xeral de ordenación municipal

O ámbito de actuación, localizado no centro urbano, abrangue unha superficie de 60,5 hectáreas con sete pezas urbanas e dúas áreas periféricas identificadas no plan

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2026

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental con condicións ao Plan especial de protección do ensanche histórico de Vigo (PEP 101) que ten como obxectivo principal abordar a ordenación detallada deste ámbito, localizado no centro urbano e unha das áreas consolidadas da cidade, cumprindo coas determinacións do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM).

Así consta no informe ambiental estratéxico emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, cuxo anuncio foi publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia e que tras analizar o plan, establece que non son previsibles efectos ambientais adversos significativos sempre que se cumpra coas condicións incluídas na propia resolución en relación a aspectos arqueolóxicos, paisaxísticos, de zonificación acústica ou de mobilidade, entre outros.

Cómpre lembrar que esta resolución se emite no marco do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada do PEP, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a consulta dos organismos públicos interesados e tanto o borrador da proposta como o documento ambiental estratéxico estiveron publicados no portal da Consellería para que o público puidese consultalo e facer as súas observacións ou suxestións de carácter ambiental, sen que se recibise ningunha.

Unha vez ditada a resolución, o informe ambiental foi remitido ao promotor e ao órgano substantivo (en ambos casos, o Concello de Vigo) xunto cos informes recibidos na fase de consultas previas e agora faise público mediante a publicación do anuncio correspondente tanto no DOG como a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

O obxecto da iniciativa é establecer a ordenación detallada do ensanche histórico da cidade, un ámbito localizado no centro urbano vigués e que abrangue unha superficie total de 60,5 hectáreas na que o plan especial identifica sete pezas urbanas que presentan características homoxéneas desde o punto de vista da morfoloxía e outras dúas áreas periféricas fortemente renovadas.

A parte máis setentrional abrangue a área formada entre as rúas Policarpo Sanz-García Barbón cara á zona portuaria, a zona central a área ao sur de Policarpo Sanz-García Barbón-Alfonso XIII e ata a Ronda de Don Bosco-María Berdiales-Luís Braille-Gran Vía, e a parte meridional a área entre Ronda de Don Bosco-María Berdiales-Louis Braille-Gran Vía-Urzáiz e Venezuela-Ecuador ata Vázquez Varela.

A proposta de ordenación prevé manter e recuperar como uso preferente o residencial, protexer e catalogar o patrimonio cultural, histórico-artístico, arquitectónico e ambiental do ámbito, fomentar a rehabilitación da vivenda, e consolidar as actividades que garantan a centralidade e a preservación das actividades comerciais, de servizos e financeiras. Tamén pretende implementar medidas de humanización e peonalización do espazo público e outras encamiñadas e elevar o estándar de urbanización respecto dos materiais e acabados.

A proposta de ordenación busca a revalorización desta importante peza urbana, integrando políticas de protección, mellora e rehabilitación do patrimonio construído e incorporando o espazo público como elemento fundamental no soporte dasactividades residenciais, económicas e sociais neste ámbito.

Data de actualización: 01/07/2026