A Xunta promoverá o proxecto Artesanía no Prato no XIII Corazón da Artesanía desta fin de semana

A programación do evento nos Pendellos de Agolada inclúe demostracións gastronómicas de recoñecidos chefs como Lucía Freitas, Héctor López, Jorge Gago ou “Taky”, nas que se empregarán pezas de 13 obradoiros de Artesanía de Galicia

No marco do proxecto Artesanía no Prato incluirase tamén unha degustación de queixos galegos, a cargo de Salomé Beiroa, e outra de coctelería, con Gabriel Vilar

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2026

O proxecto autonómico Artesanía no Prato —que aposta pola Artesanía de Galicia como soporte dos menús gastronómicos— terá un espazo e unha programación propios no XIII Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que organiza a Xunta a través da Fundación Artesanía de Galicia entre os días 3 e 5 de xullo nos Pendellos de Agolada. Así, haberá demostracións gastronómicas de recoñecidos chefs galegos, ademais dunha degustación de queixos e outra de coctelería, nas que as pezas de Artesanía de Galicia terán un papel fundamental.

Nun espazo único, os cociñeiros Lucía Freitas, Héctor López, Jorge Gago e Javier Rodríguez “Taky” realizarán demostracións culinarias nas que empregarán pezas de 13 obradoiros de Artesanía de Galicia. En concreto, haberá pezas de cerámica de Ana Tenorio, obradoiro Witchneeds (Vigo), Alberto Lista (Buño, Malpica de Bergantiños), Cerámica Raposiñas (A Pobra do Caramiñal), Laura Delgado Cerámica (Cambre) e Susana Anta (A Coruña); pezas de madeira de Artesanía Armaior (Quiroga), Atalanta (A Estrada), Carballo Estrela (Pontevedra), Cunqueiro (Palas de Rei), Eferro (Merza, Vila de Cruces) e Sangiovanni Lorenzo (Santiago de Compostela); coitelos de Celso Ferreiro (A Fonsagrada) e as pezas de Degerónimo (Santiago de Compostela).  

As mostras de cociña iniciaranse o venres 3 de xullo a cargo do chef Héctor López do Restaurante España (Lugo), que conta con dous Soles Repsol. Realizará dous pases, ás 13,30 e ás 15,00 horas. Pola tarde, a catadora Salomé Beiroa dirixirá un Percorrido sensorial por Galicia a través de queixos singulares con distintivos de calidade diferenciada, a partir das 18,00 h.

O sábado será a quenda da chef Lucía Freitas (1 Estrela Michelín e dous Soles Repsol), do Restaurante A Tafona (Santiago de Compostela), que realizará dúas demostracións gastronómicas ás 13,30 e ás 15,00 h.; e, pola tarde, o chef Jorge Gago, do Restaurante A Maceta (Santiago de Compostela), encargarase do showcooking das 20,00 h. O domingo será a quenda de Javier Rodríguez Ponte “Taky”, do Catering Boketé (Cambre), que se encargará dos dous showcookings que terán lugar ás 13,30 e ás 15,00 horas; e, pola tarde, está previsto un taller de coctelería a cargo de Gabriel Vilar, profesor da Escola de Hostalería do IES Sanxillao (Lugo).

Impulsado pola Xunta desde o ano 2013, cómpre recordar que Artesanía no Prato é un proxecto pioneiro en España que incorpora as pezas de Artesanía de Galicia como soporte dos menús de recoñecidos cociñeiros e cociñeiras para incrementar o seu valor engadido e a súa singularidade. Distinguida co Premio Promociona para Entidades Públicas 2025 nos Premios Nacionais de Artesanía, esta iniciativa consegue así unir dous ámbitos vinculados ao territorio e á produción local de xeito que se potencian mutuamente, mellorando a experiencia sensorial para o consumidor, engadindo exclusividade e comunicando a proposta persoal de cada chef.

Corazón de Artesanía

O Corazón da Artesanía é un encontro multidisciplinar orientado a amosar, poñer en valor, enxalzar e contribuír ao desenvolvemento integral dos oficios artesanais, especialmente dos máis tradicionais, dos valores da artesanía e da marca Artesanía de Galicia, así como doutros produtos gourmet. Esta iniciativa recibiu o Premio Promociona para Entidades Públicas en 2023.

Na programación da edición número 13 do evento inclúese a participación de 50 artesáns inscritos en Artesanía de Galicia —entre expositores e docentes dos diferentes cursos— así como 32 postos de alimentación gourmet. O evento complétase cos cursos de especialización en oficios artesanais, con obradoiros abertos para todos os públicos, a demostración de oficios en vivo e actuacións de música e baile.

Data de actualización: 01/07/2026