A Xunta inviste máis de 2,8 M€ en equipamento electromédico con destino ao novo Edificio C do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela
A Xunta destinará un orzamento global de máis de 5,7 millóns de euros na compra de mobiliario, equipos clínicos e sistemas informáticos desta nova infraestrutura sanitaria
Este expediente inclúe a dotación de equipamento para os servizos de Otorrinolaringoloxía, as unidades de reprodución asistida e a área de hospitalización de día
Está previsto que as obras do Edificio C do CHUS sexan entregadas este verán e que poida entrar en funcionando durante o último trimestre deste ano
Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2026
A Xunta vén de publicar no Portal de Contratos de Galicia a contratación, mediante Acordo Marco e por un importe de 2.840.000 euros, do equipamento electromédico para á ampliación do Edificio C do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela.
Trátase da primeira grande partida de investimento que ten por obxecto dotar dos equipos necesarios para o desenvolvemento da práctica clínica nesta nova infraestrutura sanitaria, e cuxo importe global ascenderá até aos 5.700.960 euros.
Neste caso, o expediente inclúe a dotación de sistemas integrados de exploración en consulta de Otorrinolaringoloxía, torres de endoscopia e exploración de Otorrinolaringoloxía, torres de estroboscopia, equipamento para diagnostico audiolóxico, sistemas de impulso cefálico (vhit), videoendoscopios portátiles, monitores de presión arterial, ecógrafos doppler, ecógrafos para as unidades de reprodución humana asistida, ecógrafos doppler portátiles, desfibriladores con marcapasos, electrocardiógrafos, lámpadas de exploración, básculas tallímetro e básculas con plataforma para cadeiras de rodas.
Durante os meses de xullo e de agosto o Servizo Galego de Saúde continuará a licitar os expedientes de adquisición do mobiliario clínico e de oficina, dos sistemas informáticos e dos restantes equipos precisos para a súa posta das novas unidades que albergará o Edificio C do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.
A previsión é que as obras do edificio C sexan entregadas este verán e que poida entrar en funcionamento durante o último trimestre deste ano.
Con esta compra, a Xunta reafirma o seu compromiso coa modernización tecnolóxica e a mellora continua da calidade asistencial que o sistema sanitario público lle presta á poboación galega.