A subdirectora xeral de Estilos de Vida Saudable da Consellería de Sanidade, Sagrario Pérez, participou en Madrid na xornada O valor social dun mellor control da Obesidade en Galicia
Galicia consolídase como referente fronte ao sobrepeso co Plan Obesidade Zero, un programa pioneiro de fomento dos estilos de vida saudables
A Consellería de Sanidade traballa en diferentes liñas estratéxicas como a detección precoz da obesidade en idades temperás ou a regulación do benestar emocional
A estratexia galega fronte o sobrepeso incide na alimentación equilibrada, a práctica de actividade física regular, a hixiene do sono e o benestar emocional
Promovido pola Dirección Xeral de Saúde Pública, este plan ten como obxectivo reducir a taxa de obesidade en Galicia nun 15 %
Madrid, 1 de xullo de 2026
Galicia consolida a súa posición de liderado na loita contra o sobrepeso e a obesidade, destacando como o único sistema sanitario público nacional que conta cunha estratexia integral para facer fronte a estas patoloxías: o Plan Obesidade Zero.
Así o apuntou a subdirectora xeral de Estilos de Vida Saudable da Consellería de Sanidade, Sagrario Pérez, na mesa redonda Benestar psicolóxico e social: posibilidades de intervención, no marco da xornada O valor social dun mellor control da Obesidade en Galicia, celebrada en Madrid.
A comunidade galega dispón dun modelo propio baseado na planificación, na avaliación continua e na actuación coordinada entre os ámbitos sanitario, educativo, social e comunitario. Este enfoque permite anticiparse no diagnóstico e tomar medidas adaptadas ás necesidades reais da poboación.
O Plan de Obesidade Zero destaca como unha estratexia pioneira do sistema sanitario público galego. Trátase dun programa que impulsa accións dirixidas a favorecer os estilos de vida saudables en todas as etapas da vida, e que recoñece a obesidade como unha enfermidade metabólica complexa, multifactorial e condicionada polo entorno.
Galicia avanza en cinco grandes liñas estratéxicas de traballo: a detección precoz e cambio no modelo asistencial; a transformación de contornas obesóxenas; a intervención desde idades temperás; a regulación do benestar emocional e a innovación tecnolóxica.
Segundo explicou a responsable sanitaria, o departamento sanitario da Xunta busca intervir desde a infancia, na contorna educativa, no ámbito comunitario, na alimentación institucional, na atención primaria e nos determinantes sociais que condicionan as decisións cotiás das persoas.
O Plan Obesidade Zero, promovido pola Dirección Xeral de Saúde Pública, ten como obxectivo reducir a taxa de obesidade en Galicia nun 15 %. Así, incide en catro factores principais: a alimentación equilibrada, a practica de actividade física regular, a hixiene do sono e o benestar emocional.
A existencia dunha estratexia específica e transversal sitúa a Galicia nunha posición destacada dentro de España. A aposta pola prevención, o coñecemento e a coordinación institucional reforza o compromiso do sistema sanitario galego co benestar presente e o futuro da cidadanía.