Medio Rural apoia con máis de 2,8 M€ as actividades de promoción e difusión dos consellos reguladores e asociacións de produtores
A Consellería publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución destas axudas, cuxa finalidade é animar ás persoas consumidoras a adquirir produtos alimentarios incluídos no marco de programas de calidade diferenciada
Están destinadas á realización de accións de promoción, estudos de mercado, xornadas divulgativas ou outras actividades como a asistencia a feiras
Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2026
A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se conceden as axudas de apoio á cooperación en actividades de información e promoción dos produtos agroalimentarios galegos acollidos a réximes de calidade realizadas por grupos de produtores. Deste xeito, destínanse máis de 2,8 millóns de euros a estas axudas para 15 consellos reguladores e asociacións de produtores, que se desenvolven no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027.
Os beneficiarios son os consellos reguladores das denominacións de orixe Monterrei, Valdeorras, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Queixo Tetilla e Arzúa-Ulloa; e das indicacións xeográficas protexidas Pan de Cea, Pataca de Galicia, Ternera Gallega-Vaca Galega e Boi Galego, Castaña de Galicia, Mel de Galicia e Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega); así como as entidades Asociación Ruta do Viño da Ribeira Sacra e Asociación Queixo San Simón da Costa.
Estas subvencións teñen como obxectivo financiar as actividades das agrupacións de produtores relacionadas con actuacións de información e promoción, destinadas a inducir ás persoas consumidoras a adquirir produtos incluídos no marco de programas de calidade diferenciada dos alimentos. Así, diríxense á realización de accións de promoción e de estudos de mercado xornadas divulgativas ou asistencia a feiras, así como outras actividades enmarcadas dentro dun proxecto de cooperación.
Cómpre destacar que estas axudas se enmarcan no Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada, que este ano conta cun orzamento de 10 millóns de euros para impulsar os produtos alimentarios autóctonos galegos, dous millóns máis que no ano 2025.
Ligazón á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260702/AnuncioG0528-180626-0001_gl.html