A Xunta esixe explicacións a Renfe tras a interrupción da circulación ferroviaria entre A Gudiña e Pobra de Sanabria
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, lamenta que esta nova incidencia na alta velocidade Galicia-Madrid súmase aos retrasos e avarías acumulados nos últimos meses sen que o Executivo central asuma responsabilidades nin dea explicacións
Incide na falta dun interlocutor oficial de Renfe e a ausencia de comunicación previa ante incidencias que afectan á mobilidade da cidadanía galega
Tamén considera fundamental coñecer o estado real de mantemento das infraestruturas ferroviarias
Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, advirte das novas incidencias rexistradas hoxe na liña de alta velocidade entre Galicia e Madrid, que obrigaron a suspender a circulación ferroviaria entre A Gudiña e Pobra de Sanabria debido a unha avaría na infraestrutura ferroviaria que supuxo a paralización nos trens de alta velocidade con orixe e destino Galicia, segundo trasladou Adif e Renfe.
Trátase dunha nova interrupción que afecta a mobilidade da cidadanía galega nos seus desprazamentos, polo que o Goberno galego reclama explicacións e información puntual sobre as causas da incidencia e as alternativas para as persoas viaxeiras ata que se restableza o servizo.
Nesta liña, Diego Calvo lamenta unha vez máis a falta información directa sobre as constantes incidencias nos servizos ferroviarios, xa que nesta ocasión tampouco se informou ao Goberno galego. De feito, é un exemplo máis da forma de actuar do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible ao non proporcionar información oficial e que a Xunta teña que coñecer sempre as noticias que afectan aos servizos e infraestruturas ferroviarias a través dos medios de comunicación.
Ademais, debido a esta nova incidencia, o conselleiro incidiu en que cómpre que o Ministerio responda á solicitude de datos por parte da Administración autonómica sobre o estado das infraestruturas e o resultado das últimas revisións feitas aos trens da rede galega. Así, a Xunta vén reclamando de xeito continuado coñecer a situación actual e o mantemento preventivo que se está a facer da rede ferroviaria en Galicia e se este é o axeitado para adiantarse á acumulación de defectos, evitar o seu deterioro progresivo e manter a calidade do servizo.
Cómpre lembrar que esta nova incidencia súmase aos continuos retrasos, avarías e interrupcións da circulación que vén rexistrando a conexión ferroviaria entre Galicia e Madrid durante meses. Por exemplo o tren Avlo desde Madrid bateu o seu récord de retraso a semana pasada: máis de sete horas de retraso, nun tren que saíu dúas horas tarde da capital e quedou parado tres horas no intercambiador de Taboadela, sen prestar adecuada información nin atención ás persoas usuarias.
A Xunta insiste en que non é aceptable que incidencias desta magnitude continúen producíndose con tanta frecuencia polo que esixe ao Goberno central que asuma responsabilidades e adopte medidas urxentes para reforzar o servizo e poñer fin a esta situación, ademais de que se garanta unha información inmediata e permanente.