Profesionais e académicos de prestixio internacional abordan o uso dos datos e a intelixencia artificial na educación

O conselleiro Román Rodríguez inaugura a xornada de traballo co equipo asesor do proxecto EdugalIA e destaca a proxección desta iniciativa pioneira

Nela participan representantes das universidades de Harvard, Boston, Oxford e Finlandia, ademais das universidades galegas e centros de investigación punteiros

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2026

O  conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, inaugurou hoxe a xornada de traballo co equipo asesor do proxecto EdugalIA que reúne entre hoxe e mañá profesionais de prestixio de diferentes universidades e institucións académicas a nivel nacional e internacional para abordar o uso dos datos e a intelixencia artificial na educación.

Non en balde, neste encontro participan representantes dos ámbitos tecnolóxicos e pedagóxicos das universidades de Harvard, Boston, Oxford e Finlandia, así como investigadores das universidades galegas, de centros de investigación punteiros como o Cesga (Centro de Supercomputación de Galicia), o Supercomputing Center de Barcelona e a Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España, expertos en gobernanza educativa, pedagogos e analistas de datos e IA.

O obxectivo do encontro é debater e afondar no coñecemento sobre a anonimización de datos sensibles para que poidan ser usados pola IA e a implementación da plataforma de xestión GaliOrienta, que incorpore a intelixencia artificial ao servizo dos departamentos de orientación para previr o abandono educativo temperá e o absentismo escolar.

Proxección internacional

O titular de Educación do Goberno galego, que estivo acompañado da directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, puxo en valor a proxección “nacional e internacional” desta iniciativa que está considerada como o mellor proxecto de España co uso da intelixencia artificial ao servizo educativo ao acadar 10 M€ de financiamento a través do proceso de Compra Pública Innovadora, o que o sitúa á vangarda das políticas públicas en materia de I+D+i.

Así mesmo puxo en valor o enorme interese que está a espertar entre as empresas punteiras do sector tecnolóxico, xa que un total de 18 compañías líderes presentaron a súas propostas para optar ao contrato de desenvolvemento deste proxecto.

O proxecto EdugalIA vai representar un antes e un despois na forma de deseñar, xestionar e avaliar as políticas educativas coa axuda do desenvolvemento tecnolóxico, ao empregar a IA para a toma de decisións. Isto, na práctica, permitirá dispoñer de infraestruturas analíticas que integren todas as fontes de  datos e, deste xeito, mellorar en cuestións fundamentais como a identificación de situacións de risco como o abandono escolar para unha atención máis especializada, personalizada e inclusiva.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/07/2026