Martina Aneiros anima aos artesáns de Ferrolterra a solicitar as axudas para o fomento da comercialización da Artesanía de Galicia
Obradoiros artesanais, Concellos e as asociacións profesionais e empresariais do sector poden beneficiarse desta orde de subvencións dotada dun crédito orzamentario de 265.000 euros
O prazo para presentar as solicitudes finaliza o próximo 13 de xullo
Valdoviño (A Coruña), 2 de xullo de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o posto de xoiaría e bixutería de macramé da marca Moira, situado na praia de Pantín con motivo do Campionato de España de Surfing. Dende alí animou ás artesás e artesáns a solicitar as axudas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para a promoción da artesanía galega e o fomento da súa comercialización.
“A artesanía é parte da nosa economía, pero tamén da nosa cultura, por iso, dende o Goberno galego apoiamos aos obradoiros artesanais para que asistan a feiras de calquera ámbito territorial o que lles permite abrir novos mercados ao tempo que incrementar as súas vendas e asegurar así a viabilidade dos seus negocios”, sinalou Aneiros.
Durante a visita, a delegada coñeceu as pezas realizadas por Cecilia Machado, a artesá detrás de Moira, que foi unha das beneficiarias da pasada edición destas achegas, que deixaron no ámbito da delegación un total conxunto de preto de 12.500 euros.
Estas axudas, das que se poden beneficiar os obradoiros artesanais, os Concellos e as asociacións profesionais e empresariais do sector, concédense en réxime de concorrencia competitiva e poden alcanzar o 80% do investimento subvencionable.
No caso de talleres artesanais, poderán recibir ata 8.000 euros para a participación como expositores en feiras de interese artesanal nacionais ou internacionais e para a organización de eventos de comercialización de artesanía. No caso dos Concellos, os apoios poden alcanzar os 18.000 euros e destinaranse á organización de feiras ou eventos de interese artesanal de carácter monográfico. Se non son monográficas o importe variará segundo o número de talleres inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia que participen.
Pola súa banda, as asociacións profesionais e empresariais de artesáns poderán optar a achegas de ata 25.000 euros pola organización de feiras de artesanía no ámbito da Comunidade Autónoma, dependendo do número de obradoiros involucrados. Tamén poden optar a apoios para o mantemento das súa páxinas web.
Esta orde de axudas está dotada cun crédito orzamentario de 265.000 euros e o prazo para presentar as solicitudes finaliza o próximo 13 de xullo.
A delegada aproveitou tamén para lembrar a convocatoria do programa de primeira experiencia profesional, aberta ata o 30 de setembro, que este ano inclúe como novidade unha liña para a formación de aprendices en oficios tradicionais. Estas achegas contan con 1 M€ dentro do orzamento total da orde e están destinados a talleres inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. “Estas axudas buscan dar un impulso ao futuro da artesanía galega, apoiando a formación da seguinte xeración de artesáns e asegurando a remuda xeracional”, apuntou a delegada.