O delegado territorial da Xunta recibiu na Delegación Territorial a 20 bombeiros de Bulgaria que realizarán unha estadía formativa en Galicia

Manuel Pardo destaca a aposta da Xunta pola cooperación internacional na loita contra os lumes

O delegado territorial explicou que durante a súa estadía recibirán formación teórica e práctica, empregando como base o Centro Integral de Loita contra o Lume de Toén, unhas instalacións impulsadas pola Xunta e que están a consolidarse como un referente a nivel internacional no adestramento de bombeiros forestais de toda Europa

O representante do Goberno galego destacou que esta iniciativa da Consellería do Medio Rural permite que profesionais doutros países de Europa coñezan de primeira man a realidade e as estratexias de extinción dos países do sur, caso de España e especialmente de Galicia, con ampla experiencia e preparación nesta materia

Ourense, 2 de xullo de 2026

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, recibiu está mañá á delegación de bombeiros de Bulgaria que realizará unha estadía formativa durante a primeira quincena de xullo na provincia de Ourense para coñecer os métodos e procedementos que se empregan en Galicia na prevención e extinción de incendios forestais.

O delegado territorial explicou que durante a súa estadía recibirán formación teórica e práctica, empregando como base o Centro Integral de Loita contra o Lume (CILL) de Toén, unhas instalacións impulsadas pola Xunta e que están a consolidarse como un referente a nivel internacional no adestramento de bombeiros forestais de toda Europa.

No CILL de Toén realizarán cursos de preparación física, de condución de vehículos todo terreo ou de manexo de motobombas. Tamén visitarán diversas instalacións da Xunta de Galicia, como as infraestruturas que ten a Dirección Xeral de Defensa do Monte espalladas polo territorio,  as bases aéreas de Verín-Oímbra e A Merca ou o Centro de Coordinación Central de Defensa contra os Incendios Forestais.

Salientou Manuel Pardo que tamén poderán participar en incendios xunto con bombeiros galegos, para coñecer de primeira man, as técnicas e mecanismos empregados na loita contra o lume na nosa comunidade.

Para facilitar a súa estancia na provincia de Ourense, persoal do dispositivo actuará como enlace durante a súa estancia, dada a súa experiencia por ser este o terceiro ano consecutivo que a Consellería participa no programa de preposicionamento de bombeiros financiado polo Mecanismo Europeo de Protección Civil.

O delegado territorial enmarcou esta iniciativa na aposta do Goberno autonómico pola cooperación internacional na loita contra os lumes, permitindo que profesionais doutros países de Europa coñezan de primeira man a realidade e as estratexias de extinción dos países do sur, caso de España e especialmente de Galicia, con ampla experiencia e preparación nesta materia. Deste xeito, dáse continuidade a este programa a través do cal bombeiros de Estonia e Países Baixos xa visitaron a nosa comunidade.

Para rematar, Manuel Pardo fixo un chamamento ao reforzo dos traballos de prevención dos incendios forestais cunha estratexia común que busque anticiparse aos grandes lumes mediante unha mellor xestión dos bosques, sistemas de alerta temperá e unha maior coordinación entre as administracións e territorios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/07/2026