A Xunta avanza na actualización da normativa da pesca marítima de lecer para adaptala ás necesidades do sector e á nova lexislación europea
A disposición autonómica estase a elaborar mediante un proceso participativo no que o obxectivo é que estean representados todos os axentes implicados
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, detallou no Parlamento as actuacións impulsadas neste ámbito, orientadas á protección dos recursos e á súa explotación sustentable
Santiago de Compostela, 2 de xullo do 2026
A Consellería do Mar continúa avanzando na actualización da normativa galega que regula a pesca marítima de lecer co obxectivo de adaptala á realidade social, ambiental e normativa actual, garantindo ao mesmo tempo a protección dos recursos e a convivencia entre os distintos usos do medio mariño.
Así o explicou hoxe no Parlamento o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, quen lembrou que a regulación vixente, composta polo Decreto 211/1999 e a Orde do 17 de setembro de 2009, conta xa con máis de dúas décadas de vixencia e require dunha revisión para “responder ás necesidades actuais do sector”.
Neste sentido, sinalou que a Administración autonómica leva tempo traballando na elaboración dun novo marco normativo integrado por un decreto e a súa correspondente orde de desenvolvemento. Non obstante, explicou que a publicación en febreiro de 2025 do Regulamento de Execución (UE) 2025/274, relativo ao control e rexistro das capturas pesqueiras, obrigou a reconsiderar o calendario de tramitación para evitar posibles duplicidades coa futura normativa estatal.
Rosón indicou que o Ministerio iniciou en agosto do 2025 a consulta pública para modificar o Real Decreto 347/2011, que regula a pesca marítima de recreo en augas exteriores, incorporando novas obrigas derivadas da normativa comunitaria. Ante esta situación, a Xunta optou inicialmente por agardar ao desenvolvemento estatal “co fin de ofrecer maior seguridade xurídica aos usuarios e evitar cargas administrativas innecesarias pero, en vista da demora, daremos continuidade á elaboración da normativa autonómica a partir do traballo xa realizado, asumindo a posibilidade de que, posteriormente, sexa necesario adaptar determinados aspectos para harmonizalos coa regulación estatal”.
Protección dos recursos e equilibrio entre modalidades
Durante a súa intervención, o director xeral incidiu en que a futura regulación continuará baseándose en criterios técnicos e científicos orientados á conservación dos recursos pesqueiros e á súa explotación sustentable.
Neste sentido, lembrou que as distintas modalidades de pesca de lecer presentan características diferentes, especialmente no acceso aos recursos mariños, algúns deles exclusivos das rías galegas e de elevado valor ecolóxico e económico. Esta singularidade, explicou, “xustifica que Galicia conte cunha regulación específica destinada a preservar estes ecosistemas”.
Isaac Rosón destacou tamén que todas as decisións normativas teñen en conta non só a protección biolóxica das especies, senón tamén aspectos como a seguridade da navegación e a convivencia entre a pesca recreativa e a actividade profesional.
Diálogo permanente co sector
O responsable autonómico reafirmou o compromiso da Consellería do Mar de elaborar a nova normativa mediante un proceso participativo no que estean representados todos os axentes implicados.
Neste marco, confirmou que xa se mantiveron reunións tanto coa Asociación Galega de Pescadores Submarinos Responsables (AGPESUR) como coa Federación Galega de Pesca Marítima Responsable e Náutica de Recreo (FEDPEMAR), ademais doutros colectivos vinculados á pesca de lecer.
Segundo indicou, as achegas realizadas por estas entidades están a ser incorporadas na medida do posible ao borrador da futura regulación e, de ser necesario, continuarán celebrándose encontros durante a súa elaboración. Rosón concluíu avanzando que, “como en calquera procedemento normativo, o texto será sometido aos correspondentes trámites de consulta pública e audiencia, garantindo que calquera persoa ou entidade interesada poida formular observacións e propostas antes da súa aprobación definitiva”.