O conselleiro de Sanidade, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, o director xeral de Integración e Innovación Asistencial do Sergas e o xerente da área sanitaria de Vigo, visitou as novas unidades do antigo centro de saúde Nicolás Peña

Gómez Caamaño salienta a posta en marcha do plan para converter o complexo Nicolás Peña nun centro de referencia na atención ambulatoria especializada en saúde mental

Sinala que xa están en funcionamento a Unidade de Saúde Mental 2, trasladada desde o hospital Nicolás Peña, e tamén a Unidade de Prevención do Suicidio, que anteriormente estaba no centro de saúde Taboada Leal

Traslada que as novas instalacións do antigo centro de saúde Nicolás Peña seguirán a medrar coa ampliación desa Unidade de Prevención do Suicidio

Tamén contará como novidades cunha Unidade de Depresión Resistente e unha Unidade de Atención Infanto-Xuvenil e transición á Idade Adulta

Vigo, 3 de xullo de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, resaltou a posta en marcha do plan da Xunta para converter o complexo Nicolás Peña nun centro de referencia na atención ambulatoria especializada en saúde mental.

Así o indicou o conselleiro na súa visita ao antigo centro de saúde Nicolás Peña, beneficiado pola apertura, en marzo, do novo Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia para poder realizar unha reorganización asistencial destinada a ampliar, reforzar e mellorar os servizos á cidadanía viguesa.

A visita, na que tamén participaron a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, o director xeral de Integración e Innovación Asistencial do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, e a subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental do Sergas, Almudena Díaz, foi dirixida polo doutor José Manuel Olivares, director asistencial da área de Vigo.

Gómez Caamaño destacou que o edificio xa acolle desde o 1 de xuño a Unidade de Saúde Mental Nicolás Peña 2, que foi trasladada desde o hospital, e tamén a Unidade de Prevención do Suicidio, que previamente estaba situada no centro de saúde Taboada Leal.

Os dous dispositivos xa están plenamente operativos e permiten ofrecer unha atención máis organizada, coordinada e adaptada ás necesidades dos pacientes nunhas instalacións moito mellor acondicionadas.

Próxima ampliación de servizos

Gómez Caamaño insistiu en que a reorganización está planificada con visión de futuro. Por iso, as novas instalacións xa están preparadas para seguir medrando coa ampliación da Unidade de Prevención do Suicidio, que incorporará novos profesionais e aumentará a súa capacidade asistencial.

Tamén está lista para albergar unha nova Unidade de Depresión Resistente, destinada a pacientes con procesos de maior complexidade clínica que precisan tratamentos altamente especializados.

Ao mesmo tempo, o traslado da Unidade de Saúde Mental ao antigo centro de saúde permite liberar espazo no edificio principal do Hospital Nicolás Peña para crear unha nova Unidade de Atención Infanto-Xuvenil e transición á Idade Adulta.

O Servizo Galego de Saúde deseñou este recurso pola especial relevancia que ten garantir a continuidade asistencial de adolescentes que pasan da atención infanto-xuvenil á rede de adultos. Evítanse así interrupcións no seguimento e ofrécese unha resposta máis coordinada nun momento especialmente sensible das súas vidas.

Gómez Caamaño recoñeceu que a demanda de atención á saúde mental está a medrar significativamente e por iso a Xunta pon en marcha, no centro de saúde mental do Nicolás Peña, un gran complexo dotado con equipos multidisciplinares de profesionais especializados en psiquiatría, psicoloxía clínica e enfermería especializada, e apoiado por traballadores sociais e persoal administrativo.

Neste contexto, a Xunta aprobará proximamente o novo Plan Estratéxico de Saúde Mental de Galicia 2026-2030 que se traducirá en máis recursos. O conselleiro de Sanidade adiantou que contempla ampliar de forma progresiva os cadros de profesionais de psiquiatría, psicoloxía clínica e enfermería especialista en saúde mental para facer posible a posta en marcha e consolidación de novas prestacións como as presentadas no Nicolás Peña.

Como compromisos cumpridos, Gómez Caamaño sinalou a creación da Rede de Psicoloxía Clínica en Atención Primaria, que este ano incorporou 21 novos profesionais, pasando de 7 a 28 prazas. O obxectivo, que se recollerá no plan estratéxico, é chegar a 50 psicólogos clínicos en 2030, incidindo especialmente na atención temperá e reforzando a capacidade asistencial do Servizo Galego de Saúde.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/07/2026