Belén do Campo promove o uso de bolsas reutilizables no Mercado de Elviña coincidindo co Día Internacional Libre de Bolsas de Plástico
A delegada da Xunta destacou a importancia de fomentar, no día a día, hábitos de consumo responsable e máis sostibles
A Coruña, 3 de xullo de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou esta mañá no Mercado Municipal da Elviña na campaña de sensibilización impulsada pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático con motivo do Día Internacional Libre de Bolsas de Plástico, que se conmemora o 3 de xullo.
Baixo o lema “Na túa compra resta plásticos e suma futuro. Stop bolsas de plástico”, a iniciativa consistiu na entrega gratuíta de 200 bolsas reutilizables ás persoas usuarias deste mercado coruñés, unha acción que se desenvolveu simultaneamente nas prazas de abastos das sete grandes cidades galegas co obxectivo de promover alternativas sostibles ás bolsas de plástico dun só uso.
Durante a xornada, Belén do Campo destacou que pequenos xestos cotiáns, como acudir á compra cunha bolsa reutilizable, “teñen un efecto moi positivo na redución da xeración de residuos e contribúen a protexer o noso medio natural”. Neste sentido, incidiu en que a prevención é a mellor ferramenta para avanzar cara a un modelo de economía circular, no que reducir, reutilizar e reciclar sexan hábitos plenamente incorporados á vida diaria da cidadanía.
A delegada subliñou que afastarse da cultura de usar e tirar é un paso imprescindible para construír un día a día máis sostible. “Cando restamos plásticos estamos sumando futuro para Galicia”, afirmou, ao tempo que explicou que reducir o consumo de plásticos na orixe permite evitar a xeración de residuos innecesarios, optimizar todo o ciclo de xestión e facelo máis eficiente e limpo. “Cada decisión de consumo conta e cada bolsa de plástico que evitamos é un paso cara a un sistema máis sólido, máis eficiente e menos dependente das materias primas e das flutuacións do mercado”, engadiu.
Belén do Campo lembrou que o Día Internacional Libre de Bolsas de Plástico naceu para concienciar sobre o impacto ambiental que xeran estes produtos dun só uso e para promover un consumo máis responsable, fomentando a utilización de alternativas reutilizables que permitan diminuír a presenza de plásticos no medio ambiente. Recordou que unha bolsa de plástico utilízase, de media, entre 12 e 20 minutos, pero pode tardar entre 150 e 500 anos en degradarse, mentres que unha botella de plástico pode permanecer no medio ata 1.000 anos se non está exposta á intemperie.
A representante do Goberno galego sinalou que Galicia leva anos impulsando políticas orientadas á prevención e á correcta xestión dos residuos, favorecendo a transición cara a unha economía máis sostible na que os materiais permanezan o maior tempo posible dentro do ciclo produtivo. Neste contexto, puxo en valor que a estratexia galega vai máis alá das plantas de tratamento e sitúa a prevención como o principal eixo de actuación, promovendo a redución dos residuos de envases e do impacto dos plásticos dun só uso.
Neste sentido, destacou os resultados acadados pola comunidade en materia de reciclaxe. Segundo os últimos datos de peche de 2025, Galicia alcanzou unha taxa de reciclaxe de plásticos do 57,8%, superando en case oito puntos o obxectivo do 50% establecido pola normativa estatal e europea para ese exercicio.
A delegada explicou que este éxito tamén ten unha importante repercusión desde o punto de vista enerxético e ambiental. O incremento na recuperación de plásticos, tanto ríxidos como film, permitiu un aforro superior aos 190 millóns de quilovatios hora, demostrando que transformar os residuos en novos recursos evita un elevado consumo de enerxía e reduce a necesidade de fabricar plástico virxe.
Do mesmo xeito, salientou o compromiso do tecido empresarial galego coa prevención. Actualmente son xa 136 as empresas da comunidade que aplican plans de prevención de envases, o que permitiu aforrar máis de 4.109 toneladas de materias primas, un exemplo de que a sustentabilidade tamén contribúe á competitividade e á eficiencia económica.
Belén do Campo lembrou que o Plan xeral de Residuos Municipais de Galicia incorpora medidas específicas para reducir os residuos de envases e minimizar o impacto ambiental dos plásticos dun só uso, apostando por un modelo baseado na prevención, a preparación para a reutilización e a reciclaxe. Ademais, avanzou que durante 2026 a Xunta desenvolverá unha nova Estratexia de sensibilización e formación en materia de reciclaxe dirixida a distintos colectivos, cun investimento de 1,8 millóns de euros, co obxectivo de seguir reforzando a conciencia ambiental da sociedade galega.
A representante do Goberno galego destacou tamén a importancia da reciclaxe como ferramenta para reducir o consumo de recursos naturais e as emisións contaminantes. Máis do 90% dos plásticos que se producen no mundo fabrícanse a partir de combustibles fósiles e recuperar dúas toneladas deste material equivale a aforrar unha tonelada de petróleo. Ademais, fabricar un quilogramo de plástico virxe supón emitir arredor de 3,5 quilogramos de dióxido de carbono á atmosfera.
Finalmente, Belén do Campo animou á cidadanía a continuar incorporando pequenos xestos responsables á súa vida diaria, lembrando que o uso habitual de bolsas reutilizables permite evitar o consumo de polo menos 144 bolsas de plástico dun só uso por persoa e ano e que cada botella de plástico reciclada supón un aforro de enerxía equivalente á necesaria para manter un televisor acendido durante tres horas.
A campaña desenvolvida hoxe nas prazas de abastos galegas busca reforzar esa mensaxe de corresponsabilidade, lembrando que a suma das accións individuais resulta decisiva para protexer o medio ambiente, conservar os recursos naturais e avanzar cara a unha Galicia cada vez máis sostible.