A Xunta apoia a III Carreira e a andaina José Yáñez que se celebrarán o próximo domingo en Pastoriza

Pastoriza (Lugo), 6 de xullo de 2026

A Xunta de Galicia apoia a III Carreira popular e a  andaina José Yáñez García que se celebrarán en Pastoriza o próximo domingo, día 12, organizadas polo Concello, o colectivo Miño Vivo e a Asociación de Comerciantes e Empresarios do municipio.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, participou hoxe na presentación e destacou a gran acollida que ten esta proposta, que conxuga natureza e actividade física; rexistra xa arredor de 330 participantes a falta de tres días para que se peche o prazo de inscricións.  

As carreiras comezarán ás 11:15 coa primeira das tres categorías infantís, e tanto a proba absoluta como a andaina iniciaranse ás 12:00 horas; estas suman un percorrido de 7 e 4,5 quilómetros respectivamente.

Villares aproveitou a visita ao pavillón da Pastoriza para saudar aos nenos en nenas que estes días participan no campamento de verán organizado no concello, unha iniciativa que pretende facilitar a conciliación familiar e laboral durante as vacacións escolares.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/07/2026