Medio Rural reafirma o seu compromiso coa calidade diferenciada para impulsar o futuro das augardentes e licores tradicionais de Galicia

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria asistiu hoxe á cata destes produtos, integrada nas Catas de Galicia de 2026, na que participaron 10 empresas con 33 mostras

Boqueixón (A Coruña), 6 de xullo de 2026

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, asistiu hoxe no Pazo de Quián (Boqueixón) á Cata das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, integrada nas Catas de Galicia 2026, onde reafirmou o seu compromiso  coa calidade diferenciada para impulsar o futuro destas bebidas. Nesta edición participaron 10 empresas, que presentaron 33 mostras correspondentes ás catro figuras de calidade diferenciada amparadas pola Indicación Xeográfica Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia: Augardente de Galicia, Augardente de Herbas de Galicia, Licor de Herbas de Galicia e Licor Café de Galicia.

Na cata, o director subliñou que a calidade diferenciada representa moito máis ca un selo identificativo, xa que constitúe un compromiso coa autenticidade, coa orixe e coa confianza dos consumidores. Neste sentido, lembrou que "non hai calidade certificada sen control", incidindo en que o prestixio destas producións descansa nun sistema de normas, trazabilidade, control e certificación que garante ao consumidor que está adquirindo un produto auténtico e elaborado conforme aos requisitos da indicación xeográfica.

Ademais, fixo fincapé na importancia de apostar polos produtos de proximidade e de orixe galega, especialmente naqueles amparados por figuras de calidade diferenciada, que achegan un importante valor engadido tanto aos consumidores como ao conxunto do territorio.

Finalmente, agradeceu o traballo desenvolvido polo panel de cata, destacando a súa profesionalidade, independencia e rigor técnico, fundamentais para garantir a obxectividade do proceso e continuar identificando a excelencia dentro da elevada calidade que caracteriza ás augardentes e aos licores tradicionais de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/07/2026