O Servizo Galego de Saúde anuncia o prazo para a actualización do expediente de cara ao concurso específico de enfermería familiar e comunitaria
Os profesionais interesados en participar neste concurso terán de prazo ata o próximo 31 de xullo para actualizar os seus expedientes a través de Fides/expedient-e
A convocatoria, que se realizará con carácter transitorio e excepcional, será negociada previamente coas organizacións sindicais presentes na Mesa Sectorial de Sanidade
Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, o anuncio da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde en relación ao prazo extraordinario para a actualización do expediente para participar no próximo concurso específico para o ingreso na categoría estatutaria de enfermeiro especialista en enfermería familiar e comunitaria.
O obxectivo deste procedemento é precisar ao máximo o número de prazas que se ofertarán na vindeira convocatoria e a súa localización, de acordo á realidade dos profesionais que cumpren os requisitos no sistema sanitario público galego.
Os profesionais interesados terán de prazo ata o próximo 31 de xullo de 2026 para actualizar os seus expedientes electrónicos Fides/expedient-e.
A convocatoria do concurso específico realizarase con carácter transitorio e excepcional e será negociada previamente coas organización sindicais presentes na Mesa Sectorial de Sanidade.
Neste senso, o departamento sanitario da Xunta advirte que calquera modificación ou rexistro de documentos posterior á devandita data non será computado á hora de determinar o mapa definitivo das prazas do concurso.
Requisitos de participación
De acordo ás bases reguladoras do procedemento, os aspirantes que desexen participar neste concurso específico deberán cumprir, entre outros, os seguintes requisitos: posuír a condición de persoal estatutario fixo diplomado ou graduado universitario de enfermería; ter destino definitivo no centro no que se oferta a praza; e estar en posesión da titulación da convocatoria, é dicir, o título de enfermeiro/a especialista en enfermería familiar e comunitaria.