Na Delegación Territorial da Xunta en Ourense reuniuse esta mañá a comisión provincial de coordinación policial de loita contra os incendios forestais para a campaña de verán de 2026

A Xunta ultima na provincia de Ourense a coordinación policial para a loita contra os incendios forestais

O obxectivo desta reunión, que se celebra todos os anos no marco da campaña de alto risco, é o deseño de actuacións conxuntas entre a Xunta, o Goberno central e a Administración local en materia de prevención e loita contra os lumes forestais

Manuel Pardo destacou que o Pladiga 2026 recolle o maior investimento da súa historia cun montante total de algo máis de 213 millóns de euros, incluíndo persoal, así como investimentos en prevención e extinción, o que supón un 18 % máis con respecto ao ano pasado

O delegado territorial explicou que este documento está integrado por catro plans: o de prevención; o de detección, disuasión, investigación e medidas correctoras; o de extinción e o de formación

No que atinxe ao Plan de prevención, está previsto actuar nunha superficie de 33.880,41 hectáreas, nas cales se prevén traballos en áreas cortalumes, creación de faixas auxiliares, mellora de pistas forestais e queimas prescritas, así como as accións enmarcadas dentro das subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios e nas colaboracións con entidades locais

O Plan de detección, disuasión, investigación e medidas correctoras incorpora nesta actualización importantes novidades tecnolóxicas, como a ampliación dun 30 % da rede de videovixilancia, que chegará a 241 cámaras en 111 localizacións, e a introdución da intelixencia artificial no sistema interno de xestión

Hai novas incorporacións relacionadas coa lista de parroquias de alta actividade incendiaria (PAAI); neste ano saen dúas parroquias -Santigoso no concello ourensán da Mezquita e Pardo de Limia, en Muíños- e incorpóranse 11

Ourense, 07 de xullo de 2026

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou esta mañá na constitución da Comisión Provincial de Coordinación Policial de Loita contra os Incendios Forestais para a campaña deste ano 2026, que estará operativa desde o 1 de xullo ata o próximo 30 de setembro, período establecido como tempada de alto risco de incendios forestais. O obxectivo desta reunión é o deseño de actuacións conxuntas para previr os lumes e loitar contra a actividade delituosa incendiaria.

Na reunión tamén participaron membros da Dirección Territorial de Medio Rural, representantes da Subdelegación do Goberno e responsables da Policía Autonómica e Nacional e da Garda Civil.

No transcurso da reunión presentáronse os distintos medios cos que se contará para loitar contra o lume durante a presente campaña, así como a competencia que terá cada un deles a través do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, o Pladiga 2026. Ademais, avaliáronse os plans operativos na provincia e coincidiuse en levar a cabo unha actuación que cubra todas as frontes necesarias: detección, disuasión, investigación e extinción.

O delegado territorial indicou que o dispositivo de loita contra incendios previsto este ano na provincia ourensá é similar, en liñas xerais, ao do pasado exercicio en canto a número de efectivos. Así, este dispositivo estará formado polas brigadas autonómicas e municipais, os parques de bombeiros e os grupos de emerxencia supramunicipal (GES). A estes medios hai que engadir a Unidade Militar de Emerxencias (UME), os membros da Garda Civil do Seprona, a Policía Autonómica e Nacional, e membros dos equipos de investigación, “sempre baixo o mando único da Xunta de Galicia”, sentenciou.

Fixo fincapé o delegado territorial na importancia da coordinación nesta materia e subliñou que a Dirección Territorial da Consellería de Medio Rural celebra comités policiais cada tres semanas para o seguimento das accións conxuntas en materia de prevención e loita contra os lumes.

Manuel Pardo e os representantes das outras administracións subliñaron a importancia de manter a coordinación entre as distintas administracións nas actuacións que se levarán a cabo nesta materia co fin de conseguir un cambio de comportamento social para reducir os danos medioambientais producidos polos lumes forestais. Ademais, apelaron á responsabilidade dos cidadáns para que extremen as precaucións e denuncien calquera actividade delituosa incendiaria da que teñan coñecemento no teléfono gratuíto e anónimo 900 815 085.

Pladiga 2026

Manuel Pardo destacou que o Pladiga 2026 recolle o maior investimento da súa historia cun montante total de algo máis de 213 millóns de euros, incluíndo persoal, así como investimentos en prevención e extinción, o que supón un 18 % máis con respecto ao ano pasado.

O delegado territorial explicou que este documento está integrado por catro plans: o de prevención; o de detección, disuasión, investigación e medidas correctoras; o de extinción e o de formación. No que atinxe ao Plan de prevención, está previsto actuar nunha superficie de 33.880,41 hectáreas, nas cales se inclúen traballos en áreas cortalumes, creación de faixas auxiliares, mellora de pistas forestais e queimas prescritas, así como as accións enmarcadas dentro das subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios e nas colaboracións con entidades locais. A maiores destes traballos preventivos, lembrou que a Consellería do Medio Rural conta cun convenio para a xestión da biomasa nas faixas secundarias asinado coa empresa pública Seaga, a través do cal se lles presta apoio a administracións locais e propietarios para cumprir coas súas obrigas. Este convenio conta cun orzamento de 25 millóns de euros anuais, o dobre que o ano pasado, e reforza os apoios tanto para concellos como para particulares

Ao abeiro desta colaboración impulsarase tamén unha estratexia de aldeas preparadas fronte ao lume, impartindo charlas informativas nas parroquias priorizadas e naquelas catalogadas como de alta actividade incendiaria. O obxectivo é dar información sobre a necesidade dunha axeitada xestión das faixas secundarias por parte dos propietarios, así como unha serie de consellos de autoprotección en caso de incendio.

O Plan de detección, disuasión, investigación e medidas correctoras incorpora nesta actualización importantes novidades tecnolóxicas. Unha das máis salientables é o lanzamento da aplicación móbil ALume, xa dispoñible para descarga en iOS e Android, que lle permite á cidadanía alertar dun incendio forestal dunha forma áxil e sinxela, favorecendo tamén a detección temperá dos lumes. A través de ALume, deseñada cunha interface moi sinxela, as persoas poden enviar a localización exacta do foco, ademais de xuntar imaxes, gravacións de son e outras observacións. Cómpre lembrar que esta app actúa de xeito complementario á canle habitual do 085.

Destaca tamén a ampliación dun 30 % da rede de videovixilancia, que chegará a 241 cámaras en 111 localizacións, e a introdución da intelixencia artificial no sistema interno de xestión, co fin de detectar de forma automática e inmediata fume e focos iniciais do incendio.

O mencionado plan inclúe, do mesmo xeito, as novas incorporacións relacionadas coa lista de parroquias de alta actividade incendiaria (PAAI). Neste ano saen dúas parroquias-Santigoso no concello ourensán da Mezquita e Pardo de Limia, en Muíños- e incorpóranse 11. Tendo isto en conta, o número total de PAAI en 2026 é de 35, das cales 24 repiten respecto á lista do ano pasado. En 2025 a cifra de PAAI era de 26.

Por outra banda, o Plan de extinción recolle, entre outras cuestións, os medios humanos e materiais e a súa distribución territorial. O dito plan recolle importantes novidades de cara a este 2026, como son o reforzo da Unidade de Directores de Extinción, especializada en grandes incendios forestais, que pasa de 6 a 15 membros; ou a incorporación de 42 novas brigadas, de catro compoñentes cada unha, pensadas para reforzar o dispositivo durante a tempada de alto risco de incendios. En total, o dispositivo estará integrado un ano máis por máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os adscritos a outras administracións.

No eido dos medios materiais, sumaranse 16 novos bulldózers para labores preventivos e seguirase a avanzar na mellora das infraestruturas, con actuacións nas bases aéreas existentes e na construción doutras novas, como a base de helicópteros de Lalín ou o aeródromo de Valga. Refórzanse os medios aéreos con dous novos avións de carga en terra, un de coordinación e un helicóptero pesado. En total, serán 24 os dependentes da Consellería, aos cales cómpre sumar os do Goberno central. En terra haberá unhas 380 motobombas e vehículos pesados, contabilizando tanto as da Xunta como as municipais.

Por último, no eido da formación, o obxectivo é seguir a liña dos últimos anos e afondar na mellora da profesionalización e seguridade do persoal para conformar un dispositivo máis eficiente e capacitado para afrontar as novas tipoloxías de incendios forestais. Neste

ano están previstos cursos monográficos, accións de adestramento do persoal e iniciativas formativas para medios das entidades locais e tamén dirixidas á poboación. Todo isto conta cun orzamento conxunto de preto dun millón de euros.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/07/2026