A Xunta pon os programas integrados de emprego impulsados por Amicos como exemplo de integración sociolaboral nas comarcas do Barbanza e Noia
A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego participou no acto de entrega de diplomas ás persoas participantes no PIE impulsado pola asociación entre o ano pasado e este, apoiado polo Goberno galego cunha achega de 220.000 euros
Zeltia Lado aproveitou para poñer en valor a orde 2026-2027 dos programas integrados de emprego que se publicará proximamente, cun orzamento de 11 M€ para promover 50 PIE de 12 meses de duración que beneficiarán unhas 4.700 persoas
Boiro (A Coruña), 7 de xullo de 2026
A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou esta mañá no acto de entrega de diplomas ás persoas participantes no Programa Integrado de Emprego (PIE) impulsado pola asociación Amicos entre o ano pasado e este e apoiado pola Xunta cunha achega de 220.000 euros. Alí, destacou a implicación nesta acción dun total de 100 persoas desempregadas dos concellos de Boiro, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Noia, Porto do Son, Rianxo e Lousame, das que a maior parte xa conseguiron incorporarse ao tecido produtivo da contorna, en sectores como o comercio, a loxística, a industria, o turismo ou a atención sociosanitaria.
A directora xeral aproveitou o acto para poñer en valor a orde 2026-2027 dos programas integrados de emprego que se publicará proximamente, que elevará o seu orzamento a 11 M€ para promover 50 PIE de 12 meses de duración que beneficiarán unhas 4.700 persoas sen traballo. Esta iniciativa que combina orientación, asesoramento, formación teórico-práctica e a posibilidade de realización de prácticas profesionais non laborais en empresas reservará, como novidade, 1 M€ para programas destinados a persoas desempregadas en situación ou risco de exclusión social. Outros 2 M€ serán para programas dirixidos a mulleres desempregadas e outros 2 M€ para persoas maiores de 52 anos.
Máis aló do acto, Lado tamén puido visitar hoxe en Boiro as instalacións de Amicos en beneficio das persoas con discapacidade e coñecer as e os participantes na acción formativa para persoas desempregadas AFD relacionada coa atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, que Amicos desenvolve co apoio do Goberno galego, así como o Servizo de Orientación Laboral que a entidade presta en colaboración coa Xunta. No caso das AFD, a representante autonómica lembrou que este ano se elevou o orzamento dispoñible aos 60 M€, con prazo de solicitude aberto ata o 30 de setembro.