O comisario do Xacobeo 2027 presentou as dúas citas que terán lugar este verán
A Xunta leva a música, a gastronomía e a artesanía galegas a Baiona e á Guarda co ciclo Orballo Cultural da man de Concertos do Xacobeo
A Guarda acollerá a cita o 24 de xullo no Estadio do Tecla e en Baiona o ciclo desenvolverase o 21 de agosto na Praza da Palma
Baiona (Pontevedra), 8 de xullo de 2026
Baiona e A Guarda formarán parte este verán da segunda edición de Orballo Cultural, o ciclo impulsado no marco de Concertos do Xacobeo, que combina música en directo, gastronomía autóctona e artesanía local para ofrecer unha experiencia cultural única en espazos de especial valor patrimonial e paisaxístico. O comisario do Xacobeo, Marcos Gómez Román, presentou hoxe a programación deste ciclo nos dous concellos pontevedreses e salientou que se trata “dun formato singular que reforza o atractivo turístico e cultural das vilas galegas”.
Durante a presentación, Marcos Gómez Román destacou que Orballo Cultural é un exemplo de que baixo o paraugas de Concertos do Xacobeo teñen cabida iniciativas de formato reducido deseñadas para ofrecer experiencias máis próximas, coidadas e singulares, “capaces de conectar coa identidade de cada territorio e de complementar a ampla oferta musical que promove a Xunta de Galicia”.
O ciclo percorre ata setembro dez localidades galegas, de norte a sur e da costa ao interior, consolidándose como unha proposta que achega a cultura a todo o territorio. En concreto, A Guarda acollerá a súa cita o 24 de xullo e contará coas actuacións de Luar na Lubre e Balteira no Estadio do Tecla, mentres que Baiona será escenario de Baiuca e Maricarme o 21 de agosto na Praza da Palma.
Orballo Cultural reunirá nesta edición a 18 artistas do panorama musical galego, entre os que figuran nomes como Baiuca, Budiño, Caamaño & Ameixeiras, De Ninghures, Fillas de Cassandra, Luar na Lubre, Ortiga, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Belém Tajes, Catuxa Salom, Maricarme ou Guilherme Zapata, entre outros.
Ademais da programación musical, cada encontro converterase nun escaparate da riqueza gastronómica e artesanal do municipio anfitrión, favorecendo a colaboración con produtores, artesáns e negocios locais. “O obxectivo é crear unha rede de sinerxías que contribúa á reactivación económica dos concellos participantes e que xere novas oportunidades para o tecido empresarial vinculado á cultura, á hostalería e ao turismo”, sinalou Marcos Gómez.
Concertos do Xacobeo amplía o mapa sonoro de Galicia
A iniciativa enmárcase na programación de Concertos do Xacobeo, que continúa avanzando a súa edición de 2026 coa vocación de converter Galicia nun auténtico mapa sonoro durante todo o ano, combinando grandes citas internacionais con propostas máis íntimas e de proximidade como Orballo Cultural.
O programa consolídase así como un dos principais motores culturais, económicos e turísticos de Galicia, contribuíndo á proxección da comunidade como un destino musical de referencia tanto a nivel estatal como internacional, ao tempo que impulsa o desenvolvemento local, a sustentabilidade e a posta en valor do patrimonio natural e cultural galego.
Toda a programación en concertosdoxacobeo.gal