A delegada da Xunta en Ferrol destaca o valor do campus ‘Compartindo o Norte 2026’ no seu peche

Ferrol, 8 de xullo de 2026

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou hoxe no peche do Campus Tecnolóxico Interuniversitario Compartindo o Norte 2026, que, por primeira vez, acolleu o Campus Industrial desde o pasado 1 de xullo.

Un total de 30 mozos e mozas de entre 18 e 35 anos con discapacidade intelectual, do desenvolvemento ou dentro do espectro autista participaron nesa experiencia formativa e inclusiva organizada pola Universidade da Coruña (UDC) e a Universidad de Cantabria (UC), en colaboración coa Fundación ONCE.

Os participantes, estudantes do Programa Espazo Compartido da UDC e do Programa UNIDIVERSIDAD da UC, realizaron durante estes días diferentes actividades como obradoiros STEAM de impresión 3D, robótica e deseño de videoxogos, co proxecto colaborativo final, Ciencia Compartida. Tamén recibiron formación en habilidades persoais e sociais, poñendo o foco na xestión emocional, a comunicación asertiva ou o traballo en equipo. A programación formativa foi impartida por profesorado vinculado ao Programa Espazo Compartido da Universidade da Coruña (UDC), xunto con persoal de Gazapo Xestión (Narón) e da Fundación Enki (A Coruña).

Durante a duración do campus, os participantes realizaron tamén diversas actividades deportivas e de lecer, como percorridos guiados pola cidade e excursións ao Castelo de San Felipe, á Fervenza do Belelle ou á praia de Ares. Aneiros aproveitou a ocasión para agradecer o traballo de todos os que fixeron posible esta experiencia. “Este campus converteuse nun espazo acolledor, útil e cheo de sentido, no que o importante foi estar xuntos, aprender xuntos e seguir demostrando que cando se traballa en equipo, as cousas saen mellor”, salientou a delegada.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/07/2026