A Xunta esixe explicacións a Renfe tras a interrupción da circulación ferroviaria no Irixo e reclama ao Goberno central que garanta os servizos e conexións que precisa a cidadanía galega
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, considera “inaudita” a acumulación de incidencias “practicamente todas as semanas” na liña de alta velocidade entre Galicia e Madrid que afecta a mobilidade na comunidade e sen que o Executivo estatal ofreza información e solucións a esta situación
Reclama que, ante a falta dun interlocutor específico de Renfe coa Xunta e debido a estas incidencias constantes, a Delegación do Goberno en Galicia se implique e traslade información á Xunta sobre a situación do tráfico ferroviario e o estado da rede ferroviaria galega
Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2026
A Xunta advirte das novas incidencias rexistradas hoxe na liña de alta velocidade entre Galicia e Madrid, no treito entre Ourense e Santiago de Compostela á altura do Irixo debido á incidencia no pantógrafo e na catenaria, segundo trasladou Adif e Renfe. Ademais, segundo a información que puido coñecer o Goberno galego, as persoas usuarias precisaron auga ante a ausencia de aire acondicionado. Trátase dunha nova interrupción que afectou aos desprazamentos, polo que a Xunta esixe ao Executivo estatal explicacións e información puntual sobre as causas da incidencia e que garanta os servizos e conexións que precisa a cidadanía galega.
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, considera “inaudita” a situación, con constantes atrasos, paralizacións e cortes nas comunicacións entre Galicia e Madrid por alta velocidade. Neste sentido, lamentou que “practicamente todas as semanas se rexistra algunha incidencia”. Sinalou que é inaceptable que estas incidencias se produzan con tanta frecuencia no transporte ferroviario, o que, segundo engadiu, pode provocar un aumento da desconfianza das persoas usuarias neste medio de transporte.
Así, por poñer outros exemplos recentes, a semana pasada unha avaría na infraestrutura ferroviaria supuxo a paralización nos trens de alta velocidade entre A Gudiña e Pobra de Sanabria. Tamén no último mes o tren Avlo desde Madrid bateu o seu récord de retraso con máis de sete horas de retraso, nun tren que saíu dúas horas tarde da capital e quedou parado tres horas no intercambiador de Taboadela, sen prestar adecuada información nin atención ás persoas usuarias.
Nesta liña, Diego Calvo insistiu en que a Xunta “leva meses reclamando información ao Goberno central sobre a situación real das infraestruturas ferroviarias e se existe algún problema que explique as causas destes continuos cortes”. De feito, a Xunta segue á espera da resposta do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible respecto da solicitude de datos sobre o estado das infraestruturas ferroviarias e o resultado das últimas revisións feitas aos trens da rede galega. O Goberno galego vén reclamando de xeito continuado coñecer a situación actual e o mantemento preventivo que se está a facer da rede ferroviaria en Galicia e se este é o axeitado para adiantarse á acumulación de defectos, evitar o seu deterioro progresivo e manter a calidade do servizo.
A Xunta lamenta, ademais, que esta situación volva poñer de manifesto a falta de información oficial por parte do Ministerio, obrigando ao Goberno galego a coñecer as incidencias que afectan aos servizos e infraestruturas ferroviarias da comunidade a través dos medios de comunicación. Por iso, ante a falta dun interlocutor de Renfe específico que traslade información detallada, o conselleiro solicitou á Delegación do Goberno en Galicia que se implique nesta e explique cal é o estado do tráfico ferroviario entre Galicia e Madrid que afecta ás persoas usuarias de xeito continuo.
A Administración autonómica reclama tamén ao Goberno central que asuma responsabilidades e adopte medidas urxentes para reforzar o servizo, garantir a seguridade das persoas usuarias e poñer fin a esta situación, así como asegurar unha información inmediata e permanente sobre calquera incidencia que afecte á mobilidade dos galegos e galegas.