A Xunta anuncia a licitación este ano da rehabilitación integral do Colexio Luís Acuña de Ourense, cun investimento de máis de 1 M€
O secretario xeral técnico de Educación explicou que o proxecto está practicamente rematado e tramitarase como anticipado de gasto co fin de adxudicar a obra a principios de 2027
A intervención enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que suma xa 3.369 actuacións mobilizadas e máis de 369 M€ de investimento en toda Galicia
Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2026
A Xunta de Galicia vai licitar este ano a rehabilitación integral do CEIP Manuel Luís Acuña de Ourense, unha actuación que superará o millón de euros de investimento e que se enmarca no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica 2024-2028.
Así o anunciou hoxe o secretario xeral técnico da Conselleira de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, no Parlamento de Galicia, onde confirmou que o proxecto está practicamente rematado e que se prevé tramitar a licitación como anticipado de gasto ao longo deste ano. Deste xeito, a obra poderá adxudicarse nos primeiros meses de 2027, iniciar os traballos conforme os prazos previstos e rematalos a principios de 2028.
Manuel Vila subliñou que se trata dunha rehabilitación enerxética integral do centro, coa que a Xunta cumpre “o compromiso adquirido coa comunidade educativa do Manuel Luís Acuña”.
Actuación integral
O proxecto contempla a renovación total dos 1.205 m² de cuberta de fibrocemento e tella, que será substituída por panel sándwich, así como o illamento de máis de 1.090 m² do forxado baixo cuberta. Ademais, inclúese a mellora da accesibilidade no acceso peonil á parcela desde a rúa Hórreo e a corrección da pendente nun tramo da beirarrúa que rodea o edificio.
A actuación incorpora tamén o revestimento de preto de 1.744 m² de fachada mediante un sistema de illamento térmico exterior, a substitución de 124 carpinterías exteriores, entre ventás e portas, e a renovación de 434 luminarias interiores e dez exteriores por iluminación LED. Tamén se prevé a colocación de novos falsos teitos nunha superficie de preto de 2.478 m² e o illamento do forxado da planta baixa nunha superficie de 624 m².
Manuel Vila lembrou que esta actuación xa estaba incluída na planificación da Consellería dentro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica 2024-2028, unha folla de ruta que permite adaptar os centros educativos ás novas necesidades técnicas, educativas e pedagóxicas. “Estamos ante unha rede moi ampla, extensa e dispersa polo territorio, que require planificación, capacidade técnica e un importante esforzo investidor”, sinalou.
Na última actualización, o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica suma xa 3.369 actuacións mobilizadas e un investimento superior aos 369 M€. Destas, 2.927 obras están xa rematadas, o que representa o 86,9 % do total, e 390 actuacións están en marcha este verán, entre elas 61 grandes obras e 329 intervencións do Plan Ben_Estar. A maiores, hai medio cento de actuacións xa comprometidas. Con esta planificación “a Xunta está modernizando as infraestruturas educativas e garantindo un ensino de calidade, próximo e equitativo en todo o territorio”, abondou o secretario xeral técnico de Educación.