O conselleiro de Sanidade, acompañado do director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e do xerente da área sanitaria, Ramón Ares, visitou esta mañá o punto de atención ao peregrino
Gómez Caamaño destaca o labor do punto de atención ao peregrino de Cruz Vermella en Portomarín, que o pasado ano prestou asistencia a preto de 1.000 camiñantes
Persoal sanitario realiza neste centro valoración e tratamento de feridas superficiais, rozaduras e bochas, aplicando tamén os primeiros coidados ante a fatiga e o sobreesforzo
Está operativo de xuño a setembro todos os días da semana en horario de 14 a 20 horas, coincidindo coa máxima afluencia de peregrinos no municipio
O dispositivo evita desprazamentos innecesarios ao PAC de Guntín a camiñantes, favorecendo un uso racional dos recursos sanitarios
A Consellería de Sanidade colabora nesta iniciativa con recursos materiais da área sanitaria e unha achega de 6.000 euros para os gastos de persoal
Xosé Merelles destacou o traballo realizado pola Xunta para mellorar a experiencia xacobea e lembrou que a campaña “A Seguridade marca o Camiño” pon ao alcance do peregrino os teléfonos de emerxencia e corpos de seguridade
Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe o labor que realiza o punto de atención ao peregrino de Cruz Vermella en Portomarín, que durante os meses de verán de 2025 atendeu preto de 1.000 camiñantes.
O titular da carteira sanitaria galega visitou esta mañá as instalacións deste dispositivo, acompañado polo director de Turismo da Xunta, Xosé Merelles, o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, e representantes de Cruz vermella e do goberno local.
Este punto de atención ao peregrino permanece aberto durante os meses de xullo, agosto e setembro, de luns a domingo en horario de 14,00 a 20,00 horas. Nel, persoal sanitario realiza valoración e tratamento de feridas superficiais, rozaduras e bochas, aplicando os primeiros coidados fronte á fatiga e o sobreesforzo. Ademais, tamén realiza derivacións aos centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde cando a situación o require.
Durante a súa visita, Gómez Caamaño resaltou o apoio que este dispositivo supón para o sistema sanitario público galego, evitando desprazamentos innecesarios ao Punto de Atención Continuada (PAC) de Guntín e favorecendo un uso máis racional dos recursos sanitarios nos meses de verán.
Isto representa, tamén, unha importante axuda para os peregrinos, que poden recibir no propio municipio de Portomarín atención ás afeccións máis leves e comúns entre camiñantes, tendo en conta, ademais, que polo xeral non dispoñen de medios de transporte propios durante á peregrinación.
Tras a actividade realizada o pasado ano, a Xunta mantivo o seu compromiso con esta iniciativa, achegando os recursos materiais necesarios desde a área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, cunha achega económica da Consellería de Sanidade de arredor de 6.000 euros, que financia os gastos de persoal.
Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou que “desde a Xunta levamos anos traballando para que o Camiño de Santiago sexa unha experiencia segura e hospitalaria, incorporando cada vez mellores ferramentas para acompañar os peregrinos”.
Neste sentido, lembrou a nova campaña ‘A Seguridade marca o Camiño’ que reforza esta estratexia ao facilitar, a través de material informativo e códigos QR distribuídos na rede de albergues, o acceso directo aos teléfonos de emerxencias e das forzas e corpos de seguridade. “Queremos que os peregrinos teñan toda esa rede de protección ao alcance da man e do móbil para que poidan realizar o Camiño con tranquilidade, independentemente da súa procedencia e das súas necesidades”, afirmou.
Programa Contigo no Camiño
O punto de atención ao peregrino de Portomarín enmárcase no programa ‘Contigo no Camiño’ de Cruz Vermella, unha iniciativa na que os voluntarios da entidade percorren o Camiño Francés en bicicletas e con unidades móbiles xeolocalizadas.
En 2025, este programa atendeu 1.500 peregrinos entre Sarria e Santiago. Do total destas asistencias, 996 foron realizadas no posto fixo de atención de Portomarín e 480 por equipos móbiles.
Esta colaboración entre Cruz Vermella e a Consellería de Sanidade reforza a atención sanitaria durante o verán, polo que o conselleiro rematou cun agradecemento a todas as persoas que desenvolven este labor e garantiu que a Xunta seguirá a impulsar este modelo de cooperación co obxectivo de fortalecer a sanidade.