Galicia conta con máis da metade de xestores de I+D+i con acreditación internacional rexistrados en España
Profesionais galegos dedicados á I+G+i achéganse nunha xornada organizada pola Xunta a novos modelos de transferencia de coñecemento do Reino Unido
Román Rodríguez destaca no Foro Ignicia que Galicia “dispón dunha base científica e tecnolóxica sólida e un dos retos é avanzar na traslación real de resultados”
Expertos británicos como Simon Hepworth, Joe Marshall ou Allison Campbell explican en Santiago as boas prácticas que impulsan o impacto económico e social da investigación no Reino Unido, considerado un referente neste ámbito
Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2026
Xestores da I+G+i coñecen de primeira man a través do programa Ignicia novos modelos de transferencia de coñecemento do Reino Unido, considerado un referente internacional neste ámbito polo dinamismo e o impacto económico e social da actividade científica. A Xunta de Galicia celebra hoxe en Santiago un foro que reúne a expertos británicos en innovación e valorización da investigación para compartir casos de éxito cos profesionais galegos que traballan no eido da transferencia de coñecemento. O conselleiro de Educacion, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou na apertura que Galicia “dispón dunha base científica e tecnolóxica sólida e un dos retos é avanzar na traslación real de resultados”.
Baixo o título O modelo de transferencia de coñecemento do Reino Unido. Políticas, organización e boas prácticas do ecosistema británico, a xornada ten tamén como obxectivo poñer en valor e visibilizar o persoal acreditado baixo o estándar internacional RTTP (Registered Technology Transfer Professional), que certifica competencias asociadas á xestión da transferencia de coñecemento. Galicia representa un fito a nivel estatal por concentrar máis da metade das persoas acreditadas RTTP en España, a maioría grazas ao apoio do programa Ignicia da Xunta. Na actualidade son 29 os profesionais que contan en Galicia con esta acreditación, máis da metade dos 48 rexistrados en toda España.
O conselleiro de Ciencia, acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, asegurou que o obxectivo “non consiste unicamente en producir ciencia excelente, senón en conseguir que ese coñecemento sexa transferido para dar resposta a necesidades sociais, transformarse en produtos, servizos e tecnoloxías innovadoras, mellorar a competitividade das empresas, xerar actividade económica e emprego cualificado e atraer investimento a Galicia”. No encontro participan os profesionais galegos acreditados como xestores de transferencia a nivel internacional, xunto con persoal directivo e investigador de universidades, centros de investigación e organismos que conforman a I+G+i.
Neste contexto, Ignicia é o principal instrumento da Xunta para promover a transferencia dos resultados de I+D+i. Desde 2016, o investimento no conxunto do programa ascende a 21 M€, o que permitiu desenvolver o sistema de apoio á transferencia, e desde 2023 conta cun consello asesor externo integrado por profesionais de recoñecido prestixio. A través desta iniciativa organizáronse máis de 30 cursos con arredor de 400 participantes e estancias en Oxford para formar a profesionais.
Expertos británicos no Foro Ignicia
Expertos británicos como o director de Intercambio de Coñecemento de UK Research and Innovation, Simon Hepworth, ou o director executivo do National Centre for Universities and Business, Joe Marshall, analizan hoxe no Foro Ignicia as políticas británicas de apoio á valorización da investigación e á transferencia de coñecemento. Pola súa parte, o director executivo de Knowledge Exchange UK, Stuart Wilkinson, céntrase nas iniciativas desenvolvidas para promover e reforzar a capacitación dos profesionais dedicados á xestión da transferencia.
A segunda parte da xornada está centrada nos novos modelos de organización das estruturas de apoio á innovación, coa participación da directora executiva do Government Office for Technology Transfer, Allison Campbell, e da directora de servizos de intercambio de coñecemento e transferencia tecnolóxica de Oxentia, Alexandra Bush. Finalmente, Ananay Aguilar, directora de TenU (rede internacional que une as oficinas de transferencia de tecnoloxía de dez das universidades máis prestixiosas do mundo), aborda o papel das redes de excelencia na xeración de impacto económico e social a partir da investigación universitaria.