A Xunta destaca o festival do Mundo Celta de Ortigueira como referente europeo da música folk
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, salienta a súa contribución á proxección da cultura galega nos territorios de tradición celta
Declarado Festa de Interese Turístico Internacional, o certame forma parte dos Concertos do Xacobeo contando co apoio de Turismo de Galicia e prevé reunir máis de 100.000 persoas
Ortigueira (A Coruña), 9 de xullo de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe no acto co que se inaugurou oficialmente o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, que se desenvolve dende onte ata o vindeiro domingo. Na súa intervención, destacou a capacidade da música para fortalecer os vínculos entre territorios que comparten unha mesma tradición cultural, idea que recolle o lema desta edición: Oito nacións, unha cultura. O acto contou tamén coa asistencia da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; da directora xeral de Administración Local, Natalia Preito; da directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto; e do director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo.
Diego Calvo salientou que o Festival de Ortigueira leva preto de medio século demostrando que é posible medrar sen renunciar á súa esencia, ata converterse no festival celta de referencia e nunha das citas máis recoñecidas da música folk en Europa. Ademais, subliñou a súa aposta polo futuro deste xénero a través de iniciativas como o Concurso Runas, que favorecen a incorporación de novas formacións e contribúen a garantir o relevo xeracional da música tradicional.
A programación desta edición reúne grupos de recoñecido prestixio internacional e novas propostas procedentes dos distintos territorios de tradición celta. Xunto aos concertos, o público poderá participar en obradoiros, asistir aos pasarrúas musicais, visitar as exposicións, percorrer a Vila Celta ou achegarse ás diferentes actividades organizadas nas rúas da vila. Espérase que, como en anos anteriores, pasen por Ortigueira arredor de 100.000 persoas durante os cinco días de festival.
Ademais, esta gran cita musical conta cun punto lila e arco iris da Xunta, un espazo aberto á cidadanía, e en especial á mocidade, para concienciar, sensibilizar e prever calquera situación de violencia contra as mulleres ou contra o colectivo LGTBI. Estes puntos de información estarán presentes nos grandes eventos musicais que teñan lugar durante o verán na nosa comunidade, como no Son do Camiño, no Resurrection Fest, no Portamérica, no Atlantic Fest, no Morriña Fest, no Río Verbena ou no Caudal Fest.
Declarado Festa de Interese Turístico Internacional, o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira está enmarcado nos Concertos do Xacobeo e conta co apoio da Xunta, a través de Turismo de Galicia. A cita constitúe un dos principais eventos culturais do verán galego e contribúe a reforzar a proxección de Galicia como destino vinculado á cultura, á música e ás súas tradicións.