A Xunta dá luz verde ambiental con condicións a un campamento de turismo en Malpica de Bergantiños

A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a instalación teña impactos significativos sobre a contorna sempre que se cumpran os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada

O proxecto está previsto nunha superficie de 14.766 metros cadrados no lugar de Piñeiro, en Buño, e contará con 20 cabanas de madeira e área de acampada

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2026

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental con condicións ao proxecto para construír un campamento de turismo no lugar de Piñeiro, en Buño, no concello de Malpica de Bergantiños. 

Segundo se conclúe no informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e que sae publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), non son previsibles efectos adversos significativos sobre a contorna derivados do proxecto sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental como nos informes analizados, así como no programa de vixilancia ambiental deseñado ao abeiro da iniciativa.

Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública ao tempo que foron consultados un total de sete organismos interesados.

Froito desas consultas, as entidades realizaron a súa valoración e fixaron condicionantes que se engaden aos incluídos no programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.

Esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde; das augas e leitos fluviais; do solo e infraestruturas; do patrimonio natural e cultural así como nos eidos da integración paisaxística e da xestión de residuos.

Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo -a Axencia de Turismo de Galicia- e dáselle publicidade hoxe a través do correspondente anuncio no DOG e da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

En canto ao proxecto, promovido polo Complexo Turístico Nordés, SL, consiste na implantación dun aloxamento turístico rural, tipo cámping, que ocupará unha superficie total de 14.766 metros cadrados cunha capacidade máxima estimada de aloxamento de entre 96 e 118 persoas.

O campamento incluirá 20 cabanas de madeira -15 de 1 dormitorio e 5 de 2-, zona de acampada, área de aparcadoiro de caravanas, así como diversas instalacións de servizos -supermercado, lavandería de autoservicio, baños comunitarios, etc.- e ocio -piscina, parque infantil...-.

Data de actualización: 10/07/2026