A Xunta dá luz verde ambiental ao cambio de uso de solo forestal a agrícola de varias parcelas para o plantado de kiwis no concello de Ribadeo

A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que o proxecto teña impactos significativos sobre a contorna sempre e cando se cumpran os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada

A iniciativa para cultivar kiwis abrangue unha superficie de 5,67 hectáreas localizadas na parroquia de San Xoán de Ove

Para executar este proxecto, actuarase en dúas diferenciadas, unha de corta e outra de conservación

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2026

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental a unha iniciativa para cambiar o uso do solo de forestal a agrícola de dúas parcelas que suman unha superficie de 5,67 hectáreas e están localizadas na parroquia de San Xoán de Ove, no concello de Ribadeo, para o plantado de kiwis.

Segundo conclúe o informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, non son previsibles efectos adversos significativos na contorna derivados do proxecto sempre que no seu desenvolvemento se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada como na propia resolución autonómica.

Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, ao tempo que foron consultados un total de seis organismos interesados.

Froito desas consultas, as entidades realizaron a súa valoración e fixaron condicionantes que se engaden aos incluídos no programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.

En concreto, conclúen que sería viable a posta en marcha do proxecto sempre que se cumpran as condicións específicas dispostas nos seus respectivos informes en relación con aspectos tales como a protección da atmosfera, a poboación e a saúde; das augas e dos leitos fluviais; do solo e das infraestruturas; sobre o patrimonio natural e cultural; xestión de residuos; integración paisaxística e restauración ou a prevención de riscos.

Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo e dáselle publicidade hoxe a través dun anuncio no Diario Oficial de Galicia e da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Para executar este proxecto na parroquia de San Vicente de Ove, actuarase en dúas diferenciadas, unha de corta e outra de conservación. En concreto, na zona de corta, que ocupa unha superficie de 5,67 hectáreas, realizaranse as seguintes actuacións: corta e trituración de restos, preparación do terreo, colocación de estruturas, teitos e cortinas, e plantación do cultivo. En canto á zona de conservación, de 562,38 metros, levarase a cabo o mantemento das árbores autóctonas máis vigorosas e en bo estado fitosanitario. 

Data de actualización: 10/07/2026