Belén do Campo recibe aos 20 primeiros bombeiros forestais de Bulgaria que participan en Galicia nun programa europeo fronte aos incendios forestais
A representante do Goberno autonómico destacou que Galicia acolle durante todo o mes de xullo un total de 40 efectivos especializados para reforzar a cooperación, a formación e o intercambio de experiencias na prevención e extinción de incendios forestais
A Coruña, 10 de xullo de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, acompañada pola directora territorial da Consellería de Medio Rural, Nieves Mancebo, e polo xefe do Servizo de Prevención de Incendios Forestais, Guillermo Acebal, recibiu esta mañá na Delegación Territorial aos 20 bombeiros forestais procedentes de Bulgaria que participan durante esta primeira quincena de xullo no programa Europeo, unha iniciativa impulsada pola Comisión Europea para reforzar a cooperación entre os países da Unión Europea e mellorar a capacidade de resposta fronte aos incendios forestais.
Durante o encontro, a representante do Goberno galego deulles a benvida a Galicia e agradeceulles a súa participación nun programa que permite fortalecer a colaboración internacional, compartir coñecementos e seguir mellorando a preparación dos dispositivos de prevención e extinción ante un dos principais riscos naturais que afronta Europa.
Belén do Campo destacou que “a loita contra os incendios forestais é un reto compartido por toda Europa e programas como este demostran a importancia da cooperación entre administracións e profesionais para protexer as persoas, o territorio e o patrimonio natural”. Neste sentido, incidiu en que “o intercambio de experiencias entre equipos de distintos países contribúe a incorporar novas técnicas e procedementos, ao tempo que permite dar a coñecer o modelo galego de prevención e extinción, recoñecido pola súa profesionalidade e eficacia”.
A misión desenvolverase entre o 1 e o 31 de xullo e contará coa participación de 40 bombeiros forestais de Bulgaria, distribuídos en dúas quendas de 20 efectivos cada unha. Os profesionais recibidos hoxe permanecen en Galicia durante a primeira metade do mes, mentres que un segundo grupo tomará o relevo na segunda quincena.
Os efectivos teñen a súa base operativa en Sergude e desenvolven a súa actividade por toda Galicia baixo a coordinación da Dirección Xeral de Defensa do Monte e cando se desprazan ata a provincia da Coruña son coordinados polo Servizo de Prevención de Incendios Forestais.
Ao longo da súa estancia, os bombeiros participan en actividades formativas e prácticas co persoal da Xunta para coñecer de primeira man a organización, os medios e os procedementos empregados polo dispositivo galego de prevención e extinción de incendios forestais. Ademais, no caso de producirse algún lume, colaboran nas tarefas de extinción integrados no operativo galego e sempre baixo a dirección dos responsables da Xunta.
Este programa é unha ferramenta creada pola Unión Europea para reforzar a cooperación entre os Estados membros na prevención, preparación e resposta ante emerxencias. No ámbito dos incendios forestais, este programa permite despregar de maneira preventiva equipos especializados nos territorios con maior risco durante a campaña estival, favorecendo unha resposta máis rápida e eficaz e promovendo o intercambio de coñecementos e boas prácticas entre os distintos servizos de emerxencias europeos.
Na campaña deste ano, a Comisión Europea puxo en marcha o maior despregamento desde a creación desta iniciativa, mobilizando 777 bombeiros procedentes de 14 países europeos, dos cales 185 veñen a España. Estarán distribuídos entre España, Portugal, Francia, Italia, Grecia e Chipre, os territorios con maior risco de incendios forestais durante o verán.
A delegada lembrou que Galicia participa neste programa europeo, consolidándose como un referente na cooperación internacional en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais. Finalmente, agradeceu aos profesionais búlgaros a súa disposición para formar parte desta misión e desexoulles unha estancia proveitosa en Galicia, convencida de que esta experiencia contribuirá a reforzar a preparación e a capacidade de resposta dos servizos forestais europeos fronte a un desafío común.