A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visitou esta mañá a empresa con sede no Porriño

A Xunta apoia o crecemento da empresa biotecnolóxica ODS Protein a través do programa Neotec

A empresa, centrada no desenvolvemento de proteínas alternativas para a industria alimentaria de xeito sostible, conta cunha axuda de máis de 231.000 € para desenvolver o seu plan de negocio ata 2027

A Xunta convocará proximamente a edición 2026 desta liña de axudas Neotec, con 2,6 M€, para rescatar os proxectos de startups seleccionados na convocatoria estatal pero que quedaron sen financiamento

O Goberno galego apoiou desde 2021 a través desta liña a 34 empresas cun investimento de 11,7 M€, cos que se financiaron 220 postos de traballo en sectores como TIC e biotecnolóxico

O Porriño (Pontevedra), 10 de xullo de 2026

A Xunta de Galicia apoia o crecemento da empresa biotecnolóxica ODS Protein, que investiga e desenvolve proteínas alternativas obtidas a través da fermentación. A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visitou esta mañá a sede da peme, no polígono industrial da Granxa, e destacou o seu carácter innovador. Esta empresa de base tecnolóxica, fundada no ano 2021 por persoal investigador da Universidade de Vigo, recibiu no ano 2025 unha axuda de máis de 231.000€ do programa de recuperación da excelencia Neotec da Xunta para desenvolver o seu plan de negocio ata 2027, logo de participar na convocatoria estatal e quedar sen financiamento.

Cotelo destacou que o apoio ao crecemento das empresas de base tecnolóxica e baseadas no coñecemento forma parte da aposta da Xunta de Galicia por fortalecer a I+G+i e converter a nosa Comunidade nunha referencia no impulso a startups innovadoras. Precisamente este é o obxectivo da convocatoria de axudas de recuperación da excelencia Neotec, que rescata proxectos innovadores excelentes de empresas galegas que superaron os limiares da convocatoria estatal Neotec do CDTI (Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación), pero que finalmente quedaron fóra por falta de crédito.

A directora da Axencia aproveitou para lembrar que a Xunta convocará proximamente a nova liña de axudas 2026, dotada con 2,6M€ de fondos europeos no marco do programa Galicia Feder 21-27 para financiar estas iniciativas que destacan pola súa calidade para facelas viables e evitar que decaian por falta de apoio. As axudas, que poden chegar ata os 325.000 euros por proxecto, presentan como novidade nesta edición que aquelas que se enmarquen nalgunha tecnoloxía STEP (Plataforma deTecnoloxías Estratéxicas para Europa), como son a biotecnoloxía, a intelixencia artificial, as tecnoloxías cuánticas e as enerxías limpas, optan a unha maior intensidade de axuda.

Poderán optar a estas subvencións da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP os plans de negocio de pequenas empresas tecnolóxicas de recente creación que prevén a comercialización de produtos e servizos innovadores que acadaron o Selo Neotec na convocatoria estatal pero non tiveron financiamento por falta de crédito. 

Liña de apoio pioneira

Co fin de apoiar estes proxectos empresariais, a Axencia Galega de Innovación puxo en marcha hai cinco anos esta liña de subvencións, sendo a única comunidade autónoma que ten en marcha un programa de rescate de proxectos excelentes.

Neste período, o Executivo galego apoiou a 34 empresas cun investimento de 11,7 M€, co que se financiaron máis de 220 postos de traballo en distintos ámbitos, entre os que destacan os sectores TIC e biotecnolóxico. Con esta nova convocatoria, dotada de 2.625.000 euros, o investimento da Xunta nestas axudas alcanzará os 14,3 M€.

Proteínas alternativas

A empresa do Porriño emprega unha tecnoloxía para obter proteínas alternativas, baseada na fermentación de biomasa utilizando fungos filamentosos, que permite conseguir micoproteínas de alta calidade para a industria alimentaria dun xeito sostible, dando resposta a retos como o crecemento da poboación mundial e a necesidade de producir alimentos cun menor impacto ambiental. ODS Protein participou tamén en aceleradoras de innovación como ViaGalicia e outros programas de apoio á innovación, como Bonos de Innovación, que lle permitiron avanzar no desenvolvemento da súa tecnoloxía e no escalado industrial dos seus procesos. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/07/2026