O conselleiro de Sanidade, acompañado do xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés e da subdirectora de Atención á Saúde Mental, visitou esta mañá a unidade, integrada no Servizo Galego de Saúde desde o pasado 1 de xaneiro
Gómez Caamaño destaca o labor e o compromiso dos 10 profesionais da Unidade de Condutas Aditivas de Vilagarcía de Arousa, que o pasado ano atendeu máis de 500 pacientes
Destaca por ser un dispositivo ambulatorio “integral”, que combina nun mesmo espazo atención clínica, intervención psicosocial e unha unidade de día cun programa terapéutico-educativo que inclúe talleres, deporte e estimulación cognitiva
Dá cobertura a unha poboación de preto de 87.000 persoas dos concellos de Catoira, Caldas de Reis, Portas, Meis, Cambados, Vilagarcía e A Illa de Arousa
Desde o 1 de xaneiro, as unidades de condutas aditivas municipais pasaron a formar parte do Servizo Galego de Saúde, cun modelo asistencial máis global e coordinado
Neste 2026 a Xunta destina máis de 4,8 millóns ao financiamento destes dispositivos
O obxectivo é mellorar a calidade asistencial dos máis de 7.400 pacientes que atenderon estas unidades durante 2025
Vilagarcía de Arousa, 15 de xullo de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, visitou esta mañá a Unidade de Condutas Aditivas de Vilagarcía de Arousa, onde destacou o labor e o compromiso dos 10 profesionais que a conforman e que o pasado ano atenderon 507 pacientes.
Durante a visita ao centro, na que estivo acompañado polo xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, e pola subdirectora de Atención á Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde, Almudena Díaz, o titular de Sanidade referiuse ao “traballo exemplar” que realizan os profesionais desta unidade, achegando “acompañamento e unha atención especializada” a quen máis o necesita.
Esta Unidade de Condutas Aditivas dá cobertura a unha poboación de preto de 87.000 persoas dos concellos de Catoira, Caldas de Reis, Portas, Meis, Cambados, Vilagarcía e A Illa de Arousa.
Tal e como sinalou o conselleiro, destaca por ser un dispositivo ambulatorio “integral”, que combina nun mesmo espazo atención clínica, intervención psicosocial e unha unidade de día cun programa terapéutico-educativo moi completo que inclúe talleres, deporte e estimulación cognitiva.
Gómez Caamaño lembrou que, desde o pasado 1 de xaneiro, esta, ao igual que o resto de dispositivos municipais de atención ás condutas aditivas, se integrou no Servizo Galego de Saúde, un proceso administrativo de gran complexidade” pero que hoxe, dixo, está a dar os seus froitos cun modelo asistencial máis global e coordinado.
Para consolidar esta liña de traballo da Consellería de Sanidade, os Orzamentos da Xunta para este 2026 reservan máis de 4,8 millóns de euros para o financiamento das Unidades de Condutas Aditivas; un investimento que se suma aos 8 millóns de euros que se destinan a convenios con entidades privadas deste sector e a distintas ordes de axudas para incentivar a realización de programas e actividades de loita contra as adiccións.
O obxectivo, remarcou Gómez Caamaño, é mellorar a calidade asistencial de máis de 7.400 pacientes que atenderon estas unidades durante o ano 2025.