O presidente asina un convenio co concello pontevedrés para levar a cabo estas obras
Rueda destaca que a Xunta destina 1,7 M€ a converter a avenida Pazos Fontenla de Bueu nun bulevar accesible, verde e seguro
O obxectivo é gañar espazo para os peóns con beirarrúas máis amplas ou novos espazos de descanso
Lembrou que se trata dun dos eixos vertebradores da vila que atravesan cada día unha media de 4.200 vehículos
Bueu (Pontevedra), 15 de xullo de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a colaboración co concello de Bueu para a mellora e humanización dun treito da estrada PO-315 ao seu paso pola localidade. En concreto, o obxectivo é realizar unha transformación integral da avenida Pazos Fontenla para convertela nun bulevar accesible, verde e seguro.
“O que se quere é adaptar unha rúa que vertebra Bueu, un concello que foi medrando, foi evolucionando e que precisaba esta adaptación”, sinalou, en referencia a unha vía que comunica co litoral e o casco urbano de Banda do Río e pola que cada día circulan unha media de 4.200 vehículos.
Rueda asinou un convenio de colaboración co alcalde do municipio, Félix Juncal, para levar a cabo esta obra que contará cun orzamento de 2,4 millóns de euros, dos que a Xunta achegará o 70% (1,7 millóns) e o Concello, o resto. O obxectivo é gañar terreo para os peóns e transformar esta vía nun espazo público para desfrute dos veciños e visitantes. “As obras nas rúas das vilas fanse cada vez máis pensando nas persoas que transitan por elas, que viven nelas, que teñen os seus comercios nelas e que, polo tanto, queren contornas cada vez máis amigables”, asegurou. Para iso, realizaranse obras de mellora en algo máis dun quilómetro entre o cruzamento da Escola Náutica e a contorna da Fonte da Abilleira.
Tal e como sinalou o presidente, os traballos inclúen renovación do pavimento, ampliación das beirarrúas, incorporación de espazos de descanso e estacionamentos puntuais para dinamizar o comercio local así como substitución das redes de servizo de saneamento e abastecemento e a incorporación de solucións de drenaxe para reducir o risco de inundacións. Despois da transformación, será transferida ao Concello.
Na súa intervención agradeceu a colaboración da Administración local e destacou a importancia de “colaborar cos concellos que queren facer cousas ambiciosas e que queren seguir renovando os lugares onde viven os veciños”.
A Xunta e este municipio xa traballan de xeito conxunto noutros proxectos como unha nova senda peonil que comunicará os núcleos de Lapamán, Cela e Castrelo, cun orzamento de 875.000 €. Do mesmo xeito, o presidente salientou que Bueu é un dos concellos que cedeu terreos ao Goberno autonómico para construír vivenda pública. En concreto, vanse habilitar 21 vivendas de promoción pública na zona das Lagoas.