Belén do Campo destaca o éxito da liberación de preto de 200 exemplares da píllara das dunas dende 2018
Belén do Campo contribúe á recuperación da píllara durante unha solta de 6 exemplares desta especie na praia de Traba en Laxe
A representante do Goberno autonómico destacou que a poboación galega desta ave é, xunto coa das Illas Baleares, a única do conxunto do Estado que mantén unha evolución crecente e sostida, segundo recollen os datos do último Libro Vermello das Aves de España grazas ao impulso do Goberno galego
Laxe (A Coruña), 15 de xullo de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto co Alcalde de Laxe, Francisco Charlín, Jesús Domínguez e María Vidal, Profesor Titular e técnica superior de investigación do Departamento de Zooloxía da Universidade de Santiago, e axentes medioambientais da zona, participaron hoxe nunha nova solta de 6 píllaras na praia de Traba no concello de Laxe, unha actuación que contribúe aos avances acadados por Galicia na protección e recuperación desta ave característica dos areais do litoral galego.
A delegada da Xunta destacou hoxe, nesta visita, os bos resultados que está a dar a recuperación da píllara das dunas nesta zona, un núcleo de recente colonización da especie desde 2024, pero no que as parellas reprodutoras están a acadar importantes éxitos de cría.
Así mesmo, puxo en valor que nestes momentos xa existen varias familias de píllaras medrando nos areais da provincia da Coruña, polo que considerou fundamental a colaboración e a concienciación das persoas usuarias das praias para compatibilizar o desfrute destes espazos coa preservación da biodiversidade. Neste senso o pasado mes de xuño fíxose tamén outra solta de 5 exemplares na praia de Carnota
Na segunda metade do período reproductivo neste momento están monitorizados 100 niños distribuidos en 23 praias e o 85% deles foron xa protexidos con perímetros e/ou xaulóns para evitar a súa depredación ou destrucción.
Así mesmo, informou de que nesta campaña xa foi necesario trasladar 11 niños ameazados polas mareas vivas aos centros especializados de Oleiros e Cotobade para garantir a viabilidade dos ovos e aumentar as posibilidades de éxito reprodutivo.
Ademais, indicou que varios exemplares procedentes deste programa foron localizados durante o período invernal en diferentes localidades de Portugal, Francia, Alemaña e os Países Baixos, o que evidencia a súa capacidade de adaptación e desprazamento. Incluso dous exemplares liberados en 2021 e 2023 estableceron finalmente os seus territorios de reprodución en praias de Francia e dos Países Baixos, o que supón un novo éxito desta iniciativa de conservación impulsada pola Xunta de Galicia.
Plan Conservación Píllara
Durante a actividade, Belén do Campo puxo en valor os resultados obtidos grazas ao Plan de Conservación da Píllara das Dunas, impulsado pola Xunta desde o ano 2014. Segundo o último censo realizado pola Universidade de Santiago de Compostela en 2026, na actualidade contabilízanse 93 parellas reprodutoras ao longo da costa galega en 23 praias .
A representante autonómica destacou que esta mellora é consecuencia do labor continuado que desenvolven os técnicos e axentes ambientais da Consellería, en colaboración coa USC, a través da vixilancia das zonas de cría, da protección dos niños e da posta en marcha de diferentes actuacións de investigación e conservación. Grazas a este traballo coordinado, a píllara das dunas, catalogada como especie vulnerable, presenta unha tendencia positiva en Galicia.
Neste sentido, lembrou que a poboación galega desta ave é, xunto coa das Illas Baleares, a única do conxunto do Estado que mantén unha evolución crecente e sostida, segundo recollen os datos do último Libro Vermello das Aves de España.
Programa autonómico
Belén do Campo salientou tamén a importancia do programa autonómico de cría ex situ, posto en marcha en 2017, que permite incubar e criar exemplares fóra do seu hábitat natural cando as circunstancias o requiren. Esta iniciativa pioneira, considerada unha experiencia de referencia en Europa, posibilitou xa a liberación con éxito de preto de 200 aves criadas nos centros de recuperación de fauna silvestre de Oleiros e Cotobade.
A actuación enmárcase, ademais, no proxecto europeo IBERALEX, unha iniciativa orientada a reforzar a conservación da especie e a favorecer a convivencia entre os usos recreativos das praias e a protección da biodiversidade no territorio transfronteirizo entre Galicia e Portugal.
Cun investimento global de 1,9 millóns de euros, financiado nun 75 % con fondos FEDER, este proxecto reúne administracións, universidades e entidades conservacionistas dos dous países co obxectivo de impulsar medidas innovadoras para a preservación dos ecosistemas costeiros e das especies asociadas a eles.
Coincidindo coa época de reprodución da píllara das dunas, que se estende entre os meses de marzo e agosto, a delegada territorial fixo un chamamento á colaboración da cidadanía para respectar as zonas de nidificación e contribuír á conservación desta especie. Neste contexto, insistiu en que é posible compatibilizar o desfrute dos areais coa protección da fauna e dos valores naturais que albergan.
Moitos dos exemplares que actualmente aniñan nas praias do norte de Galicia proceden precisamente do programa de cría impulsado pola Xunta. A presenza de novas familias e poliños medrando tanto na provincia da Coruña como na de Pontevedra avala a eficacia das medidas de conservación desenvolvidas nos últimos anos e reforza a necesidade de continuar avanzando na sensibilización social e na protección activa dos hábitats costeiros.