A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático participou nunha xornada sobre a nova norma en Vigo
A Xunta salienta que a Lei do clima reforza a posición de Galicia como referente na acción climática
Paula Uría sinala que a nova normativa sitúa o clima como eixo das políticas públicas galegas co obxectivo de reducir nun 75% as emisións contaminantes en 2030 e adaptar a Comunidade aos efectos do cambio climático
Avanza que a Xunta está a ultimar o mercado galego de créditos de carbono, que está concibido para compensar emisións de gases de efecto invernadoiro mediante a compra de créditos xerados por proxectos que eviten ou capturen CO2
Vigo, 15 de xullo de 2026
A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, salientou hoxe en Vigo que a Lei do clima de Galicia, que foi aprobada a comezos deste ano, vén reforzar a posición da Comunidade como referente na loita contra o quecemento global.
Nese senso, Uría incidiu en que a nova normativa sitúa o clima como eixo das políticas públicas galegas co obxectivo de reducir nun 75% as emisións contaminantes en 2030 -dez anos antes do que establece a Unión Europea- e adaptar a Comunidade aos efectos do cambio climático.
De feito, algúns dos aspectos máis innovadores da nova normativa son a regulación da contratación pública verde, que integrará de forma progresiva criterios climáticos nos contratos do sector público autonómico; a promoción de medidas fiscais que incentiven ao sector privado a contribuír a cumprir os obxectivos establecidos, ou a introdución de cláusulas e criterios climáticos na convocatoria de axudas públicas.
Segundo dixo a directora xeral, o obxectivo xeral é “implicar a toda a sociedade” -administracións, empresas e cidadanía- na loita contra o quecemento global e preparar o territorio fronte aos riscos e impactos da nova realidade climática, así como impulsar ferramentas de protección, como poden ser, por exemplo, a identificación das illas de calor e o deseño de refuxios climáticos.
Así mesmo, durante a súa intervención Paula Uría tamén fixo fincapé na importancia de seguir traballando en aspectos como a redución das emisións. Nese senso, logo de lembrar que Galicia é a comunidade española que máis logrou reducir en 2024 as emisións netas de efecto invernadoiro (GEI) así como a que demostrou ter unha maior capacidade de absorción de carbono, a directora xeral avanzou que a Xunta está a ultimar o mercado galego de créditos de carbono.
En concreto, este mercado está concibido para compensar emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) mediante a compra de créditos xerados por proxectos que eviten ou capturen CO2. Deste xeito, terá un funcionamento similar ao dun mercado virtual que busca poñer en contacto aos promotores de actividades xeradoras de créditos de carbono cos potenciais interesados en adquirilos voluntariamente e con independencia de que teñan ou non a obriga legal de compensar as súas emisións.
Para concluír, Uría sinalou que este sistema contribuirá a acadar a neutralidade climática de Galicia en 2040 e, a maiores, suporá tamén unha oportunidade de desenvolvemento económico e ambiental para o conxunto da comunidade en eidos como o forestal, a economía azul e a acuicultura ou o enerxético.