A Xunta inviste máis de 450.000 euros na formación de 20 persoas desempregadas en Marín
Esta iniciativa formará a un total de 20 persoas desempregadas nas especialidades de cociña e atención sociosanitaria
Na provincia de Pontevedra foron aprobados este ano 24 destes obradoiros o que supón un investimento total de preto de 11 millóns de euros
Marín (Pontevedra), 15 de xullo de 2026
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou esta mañá as persoas participantes no obradoiro dual de emprego ‘Concello de Marín II’, que conta cun investimento da Xunta de 454.552 euros.
O obradoiro conta cunha duración de nove meses e permitirá que un total de 20 persoas desempregadas adquiran formación teórica e práctica remunerada nas especialidades de cociña e atención sociosanitaria, obtendo ao remate unha cualificación profesional que mellore as súas oportunidades de inserción laboral.
Na súa quenda de palabra, Pablo Fernández puxo de relevo o firme apoio do Goberno galego á aprendizaxe dual, un sistema que facilita que as persoas en situación de desemprego compaxinen a teoría cun posto de traballo real con utilidade pública. O representante subliñou a importancia de apreciar non só o obxectivo destas iniciativas, senón tamén a súa pegada no territorio: "Creo que hai que valorar tanto a formación que reciben como o ben que lles fan estes obradoiros aos concellos onde se levan a cabo. Estas vinte persoas van pasar nove meses formándose en sectores que neste momento teñen unha gran demanda de profesionais cualificados”, explicou.
O delegado territorial destacou que na provincia de Pontevedra concedéronse este ano un total de 24 destes obradoiros, que permitirán formar a máis de 450 persoas desempregadas, grazas a un investimento da Xunta de case 11 millóns de euros.