A Xunta impulsa co programa ‘O Teu Xacobeo’ o I Open Internacional de Xadrez, que reúne en Lugo a un cento de participantes
Alfonso Villares visitou no Círculo das Artes a Fan Zone do torneo, que hoxe contou co gran mestre David Lariño, e realizou o saque de honra da xornada
Lugo, 15 de xullo de 2026
A Xunta de Galicia impulsa en Lugo o I Open Internacional de Xadrez Fuxan os Ventos, que durante esta semana reúne no Círculo das Artes a un cento de participantes, entre eles 15 titulados FIDE e varios grandes mestres. O delegado territorial, Alfonso Villares, explicou que a iniciativa forma parte do proxecto “Xadrez no Camiño”, promovido pola Escola Luguesa de Xadrez e subvencionado por Turismo de Galicia ao abeiro do programa “O teu Xacobeo”.
Villares visitou esta tarde a Fan Zone, na que os grandes mestres realizan exhibicións e comparten taboleiro con xogadores e afeccionados. Hoxe contou coa presenza do gran mestre galego David Lariño. A continuación, o delegado realizou o saque de honra que deu inicio á sesión de competición. O torneo, que se desenvolve desde o pasado luns ata o domingo, repartirá máis de 6.750 euros en premios.
Esta é a primeira actividade da proposta “Xadrez no Camiño”, que ata o mes de outubro promocionará este deporte en varios concellos lucenses como Palas de Rei, Guitiriz, Castroverde, Portomarín ou Guntín, realizando campionatos, exhibicións, visitas a centros educativos ou eventos abertos ao público.
Villares destacou que “encaixa á perfección co espírito da convocatoria de O teu Xacobeo, xa que propón unha programación participativa e distribuída polo territorio, construída coa implicación da cidadanía e do tecido asociativo”.
No conxunto de Galicia, a Xunta apoiou 56 proxectos a través desta medida, cun investimento de 1 millón de euros na presente anualidade destinada a accións culturais, artísticas, patrimoniais, sociais, deportivas e dixitais.